Publicador de contidos

Publicador de contidos

Volven os roubos no rural da Estrada: "Levaron cartos e xoias"

Volven os roubos no rural da Estrada: "Levaron cartos e xoias"

"Na caixa forte había cartos e xoias, entre elas as arras que me deixara meu pai"

Ao outro lado do río, na provincia da Coruña, tamén investigan varios roubos

G24.gal 17/11/2026 14:33

Souberon da desfeita xa antes de volver para a casa. Saíran por airearse un pouco. 

"Aí está o cristal roto. Levantaron a persiana, puxeron algo para poder abrir a ventá e pasar para dentro", conta Manuel, a vítima.

"Chamounos ás nove da noite a Garda Civil e o susto foi monumental. Viñan unha veciña e mailo mozo e viron a caixa forte tirada. Non abriron nada e chamaron á policía", completa Charo, a súa muller.

Dentro tiñan os cartos de diario, os do panadeiro, os do peixeiro... pero tamén xoias, algunhas de gran valor emocional.

"Levaron o reloxo limpo. Deixaron a caixa e maila documentación pero o reloxo si que o levaron. Uff! Na caixa forte había bastantes cousas. Había 600 euros en metálico e algo o que lle tiña moitísimo cariño que son as moedas que se usaban antes nas vodas, que se chaman arras de prata que estaban nunha caixa e que mas deixara o finado meu pai. Tíñalles moito cariño porque levaban moitísimos anos na casa", lamenta Charo.

Sospeitan que tiñan a casa vixiada. 

"Había dúas ou tres noites levanteime porque escoitei o can e o can non sobe aquí. Levantei a persiana e mirei pero non vin a ninguén e mirei polo cristal da porta e tampouco pero o can seguiu un bo cacho", di Charo facendo memoria. 

Tocoulles a eles e tocoulles a máis. 

"Entraron noutra en Santeles pero polo visto non tiñan nada e nada lles levaron. Eu creo que tocou simplemente".

Santa Cristina de Vea, Santeles e Lagartones. Uns corenta quilómetros de percorrido por camiños e estradas con pouco movemento, e por aldeas nas que a xente a esas horas fai vida dentro da casa. Así chegaron a outro Outeiro, ao de Lagartones. Entraron en dúas casas, a poucos metros unha da outra.

"Foi un susto grande porque a veciña chegou aquí berrando porque atopou todo revolto".

"Aquí o que levaron, polo que dixeron, foron cartos e xoias. De feito, no salón nin lle entraron. Foron dereitos aos cuartos", confirman os veciños máis próximos. 

Na outra banda do río, xa na provincia da Coruña, os ladróns tamén fixeron das súas a última semana. Non hai número de denuncias confirmadas nin tampouco se se trata da mesma banda, pero o modus operandi fai sospeitar.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade