Publicador de contidos

Publicador de contidos

O salvadoreño Kilmar Ábrego chega a España nun voo procedente dos Estados Unidos

O salvadoreño Kilmar Ábrego chega a España nun voo procedente dos Estados Unidos

É a primeira parada dunha xira internacional na que Ábrego compartirá a súa experiencia: deportado ilegalmente pola administración Trump, converteuse nun referente na loita contra a política migratoria dos EUA

O Goberno dos Estados Unidos declarou o mércores que "non é de estrañar" que Ábrego viaxase a España, polas "políticas radicais de fronteiras abertas" do país

 

Ábrego e a súa esposa, Jennifer Vasquez, á saída dos xulgados de Maryland o pasado mes de outubro (Reuters) Ábrego e a súa esposa, Jennifer Vasquez, á saída dos xulgados de Maryland o pasado mes de outubro (Reuters)
G24.gal 25/11/2026 11:53

Kilmar Ábrego, un cidadán salvadoreño que foi deportado ilegalmente a un cárcere no seu país de orixe en marzo de 2025 —e que posteriormente regresou aos Estados Unidos tras unha longa batalla xurídica contra a administración do presidente Donald Trump—, chegou a Madrid este mércores, tras abandonar os Estados Unidos de xeito voluntario.

O voo comercial UA260 de United Airlines, procedente de Washington-Dulles (Estados Unidos) e no que viaxaba Ábrego, aterrou na Terminal 1 do Aeroporto Adolfo Suárez Madrid-Baraxas ás 10:59 horas deste mércores, segundo confirmou a axencia EFE.

O seu avogado, Chris Newman, explicou a EFE que España será a primeira parada dunha xira internacional na que Ábrego compartirá a súa experiencia; o seu caso converteuse nun importante foco de controversia en relación coa política migratoria de liña dura da administración Trump.

Newman sinalou que Ábrego pode entrar en España como turista grazas ao seu pasaporte, aínda que non precisou canto tempo ten previsto quedar nin as condicións da súa visita.

O acordo que permitiu a súa saída dos Estados Unidos non se fixo público; prodúcese tras meses de presión por parte da administración Trump para deportalo a varios países africanos, entre eles Uganda, Eswatini, Ghana e Liberia.

Ábrego foi detido por axentes de inmigración dos Estados Unidos en marzo de 2025 —mentres vivía no estado de Maryland coa súa familia— e deportado ao Salvador, a pesar dunha orde xudicial que prohibía a súa expulsión a ese país ante o temor de que puidese sufrir persecución.

Pasou varios meses no Centro de Confinamento do Terrorismo (CECOT) —unha prisión de máxima seguridade— antes de ser enviado de volta aos Estados Unidos para enfrontarse a cargos penais en Tennessee.

O goberno dos Estados Unidos declarou o mércores que "non é de estrañar" que Ábrego viaxase a España, atribuíndoo ás que cualificou de "políticas radicais de fronteiras abertas" do país.

Nunha publicación na rede social X, o Departamento de Seguridade Nacional (DHS, polas súas siglas en inglés) sinalou que "non sorprende que este estranxeiro ilegal e criminal elixise ir a España —un país que, este ano, se viu desbordado por decenas de miles de estranxeiros ilegais—", nunha clara referencia á chegada masiva de migrantes á cidade de Ceuta a finais de xullo.

"As políticas radicais de fronteiras abertas converteron este país, outrora grande, nun caldo de cultivo para migrantes ilegais. Mellor así", subliñou o DHS, tras anunciar que Ábrego decidira "autodeportarse".

O Goberno estadounidense afirmou que lles prometera aos seus cidadáns que Ábrego —a quen describiu como un "traficante de persoas, un home que agrediu a súa muller, membro dunha banda e depredador de menores"— non permanecería máis tempo no país.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade