A Garda Civil rexistra unha nave en Rianxo no marco dunha operación antidroga
Foi en Pousada, e a nave supostamente acolleu no pasado un cultivo de marihuana
A investigación segue aberta, e de momento non constan detidos
O operativo despregado pola Garda Civil para rexistrar unha nave industrial sorprendeu os veciños de Pousada, en Rianxo. Pensaban que era unha instalación pechada e sen uso.
"Esa nave leva pechada unha tempada longa, xa uns anos, e non se vían nin coches entrar nin nada", di un veciño. "Levamos unha sorpresa grandísima cando vimos o movemento alí de garda civil e policía local", di outro.
Pero resulta que estaba alugada. De feito, os veciños de máis preto da instalación lembran ver un home entrar e saír dela. "Non sei nin de onde era, nin como se chamaba, el non falaba con ninguén -di un veciño- e había unha chea de tempo que desapareceu, non se vía por aquí".
Polo que contan, nin a propietaria da nave sabía que traballos facían alí dentro. E, polo que saben hoxe, o que -supostamente- atoparon no rexistro foron os restos dunha antiga plantación de marihuana, e a infraestrutura para cultivala e procesala a grande escala.
Garda Civil e Policía Local colaboran na operación, que segue aberta e baixo segredo. De momento, non consta que haxa detidos.