Profesores e alumnos de Veterinaria en Lugo celebran que o grao pasa a ser de seis anos
Era unha vella petición para poder atender o denso temario e a importante cantidade de horas de prácticas
Era unha demanda histórica. O Grao de Veterinaria durará 6 anos, como o de Medicina, e queda equiparado á formación coma xa se imparte en Europa. O grao terá 60 créditos máis, pero, fundamentalmente, incrementaranse as prácticas.
"Trátase de que aprendan o que realmente van facer no futuro", di o decano da Facultade de Veterinaria da USC, quen comenta que "a maior parte deses créditos van ser para rotatorios ou para disciplinas clínicas".
Os obxectivos son profesionais mellor formados, pero tamén reducir a presión académica, con moita carga teórica, pero tamén moitas horas de formación práctica.
"O horario dos estudantes soe ser entre as nove da mañá e as sete da tarde. Cando rematan aínda teñen que estudar. Non teñen tempo para nada e iso xera moito estrés. De media tardan seis anos e pico en rematar a carreira. Ampliando o grao a seis anos o que se vai tentar é repartir esa carga teórica e práctica nun ano máis", di Fernando Muñoz, decano da Facultade de Veterinaria da USC.
A reforma, aprobada polo Consello de Ministros, farase efectiva no curso 2029-2030.