Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Xunta publica a nova regulación da PAU, acordada coas universidades galegas

A Xunta publica a nova regulación da PAU, acordada coas universidades galegas

Introduce como novidade un sistema de coordinación institucional, articulado a través dunha comisión organizadora e unha comisión técnica, que repartirán as responsabilidades sobre o deseño e o desenvolvemento dos exames

Álvaro Ballesteros/Europa Press (Arquivo) Álvaro Ballesteros/Europa Press (Arquivo)
G24.gal 17/11/2026 22:33

A Consellería de Educación publicou no Diario Oficial de Galicia (DOG) a nova orde que regula a Proba de Acceso á Universidade (PAU) e que establece unha estrutura organizativa consensuada coas tres universidades públicas galegas.

A normativa adapta a regulación autonómica ao Real Decreto 534/2024 e introduce como principal novidade un novo sistema de coordinación institucional, articulado a través dunha comisión organizadora e unha comisión técnica, que repartirán as responsabilidades sobre o deseño e o desenvolvemento dos exames.

A Comisión Organizadora estará integrada por tres representantes da Consellería de Educación, outros tres das universidades públicas galegas, un por cada institución, e unha secretaría externa.

Este órgano encargarase de establecer as directrices xerais das probas, incluídos os criterios para redactar os exames, o seu contido, nivel de dificultade e avaliación, así como as guías de cualificación.

Tamén promoverá a creación de bancos de materiais para facilitar a elaboración de modelos de exame e establecerá mecanismos de revisión entre docentes para detectar posibles erros ou incoherencias antes da celebración das probas.

Pola súa banda, a Comisión Técnica asumirá as cuestións operativas e loxísticas, como a organización de horarios e sedes, as medidas de seguridade na elaboración e custodia dos exames e as adaptacións para o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo.

Estará formada por dúas persoas con experiencia acreditada en docencia e xestión de probas de acceso, propostas pola Xunta, e por quen ocupe a presidencia e a secretaría do Tribunal Único da Comisión Interuniversitaria de Galicia (CiUG).

Este último órgano manterá as funcións de elaboración, custodia, distribución e corrección dos exames. A Comisión Técnica publicará, ademais, os modelos de proba e os criterios xerais de avaliación, e resolverá as reclamacións que non estean relacionadas coas cualificacións.

A nova regulación tamén modifica a composición dos grupos de traballo encargados de redactar os exames. Estarán integrados por un máximo de dous docentes universitarios e catro profesores do sistema público de ensino con docencia na materia ou membros da Inspección educativa.

Con este cambio, a Xunta incrementa a participación do profesorado de Bacharelato na preparación das probas, ao considerar que conta cun coñecemento máis directo do currículo e da experiencia na aula.

A CiUG simplificará a súa estrutura e quedará integrada polos tres delegados das universidades e o Tribunal Único. No entanto, continuará xestionando o proceso de admisión universitaria, que inclúe as solicitudes de ingreso, a oferta de prazas e a súa adxudicación.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade