Un accidente en Negreira deixa un morto e un ferido grave
Polo de agora descoñécense as causas do sinistro
Un choque entre dous turismos deixa un falecido e un ferido grave en Negreira.
O sinistro ocorreu na tarde deste martes na AC-544.
Ata o lugar desprazáronse efectivos da Garda Civil de Tráfico, do GES de Brión e dos bombeiros de Santa Comba ademais de dúas ambulancias medicalizadas.
O 112 Galicia tivo constancia deste accidente minutos despois das 20 horas, a través de Urxencias Sanitarias de Galicia-061: dous coches acababan de colidir no quilómetro 11 da AC-544, na parroquia de Covas (Negreira). Unha persoa permanecía inconsciente no interior dun dos vehículos.
De inmediato, ata o lugar desprazáronse os profesionais sanitarios, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Santa Comba e os efectivos do GES de Brión, así como os operarios de conservación da vía.
Os servizos de emerxencias só puideron confirmar o falecemento dun dos implicados, mentres que o outro foi trasladado polos profesionais sanitarios.