Publicador de contidos

Publicador de contidos

Denuncian o mal estado do paseo ourensán do río Loña

Denuncian o mal estado do paseo ourensán do río Loña

A falta de mantemento, din, converteu un agradable percorrido en toda unha xincana de obstáculos, con roturas, desprendementos e zonas de difícil acceso

G24.gal 26/11/2026 13:45

O cartel do sendeiro do río Loña xa nos anticipa o que imos atopar. O paseo entre a ponte antiga e o barrio de Mende seguiu o mesmo proceso de deterioración que a sinalización.

"Está deteriorado todo, roto completamente. Non podes pasar. Tes que dar a volta". "No estado en que está xa tiña que estar cerrado. É un perigo. Á parte das madeiras, é unha pista de patinaxe, agora coas follas. Un estado de abandono total", comentan dous usuarios.

Todo se precipitou coa riada de xaneiro 2023, que levou por diante unha parte da pasarela. No canto de reparala, o Concello optou daquela por pechar o paseo, ao tratarse dunha zona inundable. Unha medida que os veciños consideraban provisional, mentres se buscaba unha alternativa, pero que, case catro anos despois, segue limitando o uso deste sendeiro.

"Levamos tres anos e é unha pena, porque é un camiño precioso. Eu xa non o fago e dá pena. Oxalá que lle busquen solución". "Os que somos de aquí de toda a vida si que o botamos en falta para estar nunha contorna máis natural. A outra opción é ir pola calzada, pero non é viable, porque hai moitísimo tráfico", aseguran dúas veciñas.

Táboas rotas, desprendementos sobre o paseo, silveiras que crecen á beira do río e sobre o propio camiño son algún dos obstáculos que se observan no percorrido.

"É un paseo marabilloso, pero vas xogando partir unha perna. No verán é sombrío e fresco para pasear". "Unha pena, porque na contorna onde está e non poder usalo ben, sobre todo nesta época do ano, que está mollado, caen as follas e esvara moito", conclúen os usuarios.

Confían os veciños en que as súas denuncias sirvan para que se tomen medidas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade