Galicia permitirá que os estudantes menores de 16 anos obteñan a certificación de competencias dixitais
Galicia permitirá que os estudantes menores de 16 anos obteñan a certificación de competencias dixitais
Os estudantes deberán demostrar os mesmos coñecementos, habilidades e actitudes que se lles esixen ao resto dos aspirantes para cada tipo de certificación
Ademais, o decreto introduce novas vías para obter a certificación, ademais do tradicional formato de exame
Arquivo TVG
A Xunta de Galicia abrirá, de xeito "excepcional", a certificación de competencias dixitais a menores de 16 anos integrados no sistema educativo galego, segundo se anunciou este xoves no Diario Oficial de Galicia (DOG).
A Administración autonómica está a actualizar o Marco Galego de Competencias Dixitais e o sistema oficial de certificación, tras cinco anos de vixencia.
Unha novidade fundamental da nova normativa —que entrará en vigor vinte días despois da súa publicación— é a flexibilización do requisito xeral de ter máis de 16 anos para obter a certificación. Isto permitirá que o alumnado do sistema educativo galego menor desa idade poida acadar a acreditación, de forma excepcional.
Non obstante, estes menores de 16 anos deberán demostrar os mesmos coñecementos, habilidades e actitudes que se lles esixen ao resto dos aspirantes para cada tipo de certificación, conforme os procedementos, niveis e condicións establecidos no documento técnico do marco.
Ademais, o decreto introduce novas vías para obter a certificación, alén do tradicional formato de exame.
Así, a diferenza do modelo empregado ata o de agora —no que a formación nas aulas CeMIT ou na EGAP servía unicamente como preparación para un exame final—, o novo decreto permite a certificación directa sen necesidade de realizar dita proba. Isto conséguese mediante a superación de itinerarios formativos supervisados que inclúen unha avaliación continua (coñecidos como cursos ComDix). Ademais, o decreto abre a porta á validación e ao recoñecemento formal doutros certificados oficiais ou estándares profesionais equivalentes.
No que respecta á vixencia e renovación destas acreditacións —que, por norma xeral, teñen unha validez de cinco anos—, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) poderá, de oficio, prorrogar a súa validez por outros cinco anos sen que a persoa titular teña que realizar ningún trámite, sempre e cando o contido non experimentase cambios significativos.
Pola contra, se unha actualización tecnolóxica substancial do marco esixe revisar as competencias requiridas, a acreditación vixente podería quedar sen validez antes do previsto, o que obrigaría a persoa titular a actualizar a súa cualificación.
A reforma tamén establece que a certificación se expida exclusivamente como documento administrativo electrónico. Así mesmo, penalízase a inasistencia inxustificada aos exames: as persoas que non acudan —sen unha causa xustificada— pasarán ao final da lista de espera durante un período de doce meses.
A certificación galega de competencias dixitais, denominada ComDix, é un mecanismo normalizado creado e xestionado pola Xunta. Permite á cidadanía certificar oficialmente o seu nivel de coñecementos, habilidades e actitudes no ámbito dixital, para a súa presentación ante calquera entidade, pública ou privada, en Galicia.