Publicador de contidos

Publicador de contidos

Chega o videoxogo máis esperado do século: "Coñezo quen ten as vacacións pedidas"

Chega o videoxogo máis esperado do século: "Coñezo quen ten as vacacións pedidas"

A sexta edición do Grand Thief Auto actívase na noite do mércores ao xoves

Amplía o concepto de mundo aberto que atrae millóns de xogadores

Por vez primeira na serie unha muller é coprotagonista da aventura

G24.gal 18/11/2026 14:53

Millóns de fans estaban esperando a chamada. Trece anos despois, Grand Thief Auto lanza a nova edición, a sexta, dunha das series de videoxogos máis famosas da historia. Promete a acción e a violencia de sempre e, sobre todo, amplía o concepto de 'mundo aberto' que atrae milleiros de xogadores. Poderán facer case todo o que lles pete, case todo malo, nun escenario case infinito e con milleiros de detalles de máximo realismo.

"O que ten de especial é que é unha historia que non se conta en ningún outro videoxogo. As cousas que podes facer son inmensas. De feito neste videoxogo que sae hoxe, dentro de cinco anos, aínda haberá xente que atopará cousas que non sabía que se podían facer", explica Iván Ferreira, o encargado da tenda de Todoconsolas na rúa Urzáiz de Vigo.

"Gusta moito por ter o mundo libre e total liberdade. Poder facer o que queiras nun xogo fai moito", resume Ángel Barros, de Replay Games Vigo.

O GTA VI chega con novidades relevantes. A primeira, a que xa coñecen moitos compradores, é que non hai disco: só se vende para descarga en liña. Mesmo os que queiran mercar unha caixa só atoparán dentro un código para introducir na Internet.

A empresa, Rockstar Games, afianza así un xiro transcendental no sector dos videoxogos porque en principio xa non se poderá prestar ou revender. Aínda que non hai cifras oficiais, a prensa especializada calcula que a produción do xogo puido sumar case dous mil millóns de euros pero tamén que unha gran parte probablemente se vai recuperar en cuestión de días porque millóns de persoas contan as horas para darlle ao play.

"Coñezo xente que pediu o día ou ten vacacións pedidas. Porque este non é un xogo duns días, é un xogo de meses. E hai xente que ten as vacacións planeadas para a saída do Grand Thief Auto VI", asegura Iván Ferreira, de Todoconsolas.

"Quedamos todos os colegas na miña casa e seguramente estreemos o xogo todos en grupo porque o xogabamos todos de nenos", revela Ángel Barros, de Replay Games.

A outra gran noticia está nas personaxes. Por vez primeira, o GTA ofrece a posibilidade de xogar cunha muller, Lucía, como protagonista. Non será simplemente unha secundaria. O xogo, por suposto, segue recomendado para maiores de 18 anos. E para os que queiran máis, seguen funcionando as versións anteriores, que ano a ano se manteñen entre os videoxogos de segunda man máis vendidos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade