Inmobilizan en Lugo un camión cargado con ácido sulfúrico cuxo condutor estaba ebrio
O chofer tampouco respectara os tempos mínimos de descanso obrigatorios
Garda Civil de Lugo
Un camión cisterna cargado de ácido sulfúrico foi inmobilizado na comarca lucense da Mariña despois de constatar que o condutor ía ebrio e non respectara os tempos mínimos de descanso establecidos pola normativa de transporte, informou este mércores a Garda Civil.
O condutor do vehículo foi obrigado a parar nun control de alcolemia e outras drogas, así como de vixilancia de infraccións en materia de transportes.
O condutor superaba a taxa máxima de alcolemia permitida
Os axentes someteron ao chofer do vehículo articulado a probas de alcolemia e observaron un resultado superior á taxa máxima permitida para condutores de transporte de mercadorías.
Ademais, comprobaron que non respectara os tempos mínimos de descanso obrigatorios establecidos para eses profesionais, polo que abriron un expediente administrativo por ambas as infraccións.
Así mesmo, ao tratarse do transporte por estrada dunha mercancía perigosa, como medida preventiva os axentes procederon a inmobilizar o vehículo.