Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os avisos de bomba en colexios chegan tras a aparición de maletas e mochilas esquecidas na rúa

Os avisos de bomba en colexios chegan tras a aparición de maletas e mochilas esquecidas na rúa

Na última semana, a presenza de dúas bolsas sospeitosas en distintos puntos de Vigo obrigou a intervir os Tedax

As ameazas estanse producindo tamén no resto de España 

Bolsa abandonada nun supermercado do barrio do Calvario, en Vigo
G24.gal 18/11/2026 15:27

Os avisos de bomba en centros educativos chegan despois de días nos que foi aumentando a preocupación na nosa comunidade pola aparición de maletas ou mochilas esquecidas na rúa.

Na última semana, a presenza de dúas bolsas sospeitosas en distintos puntos de Vigo obrigou incluso a intervir aos Tedax.

A primeira foi no Álvaro Cunqueiro o venres 13 de novembro; unha maleta esquecida ás portas do hospital obrigou a mobilizar os axentes da Policía Nacional especializados en explosivos.

"Cando cheguei xa estaba a policía e estaba todo acordoado", asegura unha testemuña que estaba ás portas do complexo hospitalario.

Todo quedou nun susto, xa que a bolsa contiña roupa, pero non foi a única alerta que se produciu en Vigo; o domingo 15 de novembro a Policía Nacional desaloxou un supermercado do barrio do Calvario por outra bolsa sospeitosa e obrigaron os veciños e veciñas dos edificios lindeiros a non saír das súas casas.

"Cando entrou o tedax e verificou que non era un explosivo, xa nos dixo que non era nada e que podiamos pasar", afirma unha testemuña que foi desaloxada do supermercado.

Dende a Subdelegación do Goberno cren que o obxectivo deste tipo de ameazas, que tamén se están producindo por toda España, non é outro que xerar o caos entre a poboación.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade