Os TEDAX retiran unha caixa con cen detonadores dunha praia de Poio
Atopouna un mariscador entre os restos da marea
Os axentes acordoaron a zona e destruíron o artefacto nun lugar seguro
O mariscador que deu a voz de alarma buscaba ameixas mortas polo temporal na praia da Cabeceira, en Lourido. Pero acabou atopando algo aínda máis desacougante. Unha caixa gris cunha advertencia: "Perigo, explosivos".
"Sobre as once da mañá a policía local recibiu o aviso, e eles avisaron á Garda Civil. Ao chegar vimos que era unha caixa con cen detonadores pirotécnicos, non son explosivos por si sós, pero forman parte dun artefacto explosivo", explica José Eugenio Alonso, axente do TEDAX de Pontevedra.
Ao estar en contacto coa auga do mar a súa manipulación era perigosa. Así que os TEDAX acordoaron a zona, retiraron a caixa e destruírona en sitio seguro. Descoñécese a orixe e o uso concreto dos detonadores, que poden ser empregados en obras, canteiras ou técnicas ilegais de pesca. En todo caso, os feitos serven para recordar como proceder ante este tipo de achados:
"Non só cos detonadores, tamén no caso de atopar artefactos antigos da Guerra Civil ou calquera tipo de explosivos, o que hai que facer é non tocalos. Co tempo perden propiedades e se desestabilizan e iso que parece inofensivo pode chegar a ser perigoso ao manipulalo", engade o Garda Civil.
Ademais é importante sinalizar a zona cun pau, afastarse e chamar o teléfono 062. Máis vale ser precavidos, por inofensivo ou antigo que poida parecer o artefacto.