Publicador de contidos

Publicador de contidos

Estudan e traballan, son a xeración 'sisi'

Estudan e traballan, son a xeración 'sisi'

Teñen entre 16 e 29 anos e dálles tempo a facer de todo

Un 33 % da mocidade española combina vida laboral e académica

O número de mozos e mozas que teñen emprego e vida académica aumenta 7 puntos dende 2019
G24.gal 17/08/2026 15:05

Medraron escoitando falar da mocidade que nin estuda, nin traballa e elas son unha demostración de que non todo está perdido. Elas estudan e traballan. Hai quen ten sorte e atopa un posto en algo relacionado cos seus estudos.

"No meu caso, non, porque eu estudo Artes, pero vaia, gústanme moito os nenos e por iso decidín dedicarme a isto, pero no caso da maior parte dos meus compañeiros si que ten relación, xa sexa educación ou integración", comenta Noa García, unha estudante traballora durante o verán. 

Noa traballa con nenos nun campamento de verán. Icía que estuda Tradución e Interpretación, faino nun comercio.

 "Empecei en xullo e estou xullo e agosto", apunta Icía Souto, que ten 19 anos.

Porque en setembro toca volver ás aulas. O caso de Nerea é diferente, ela estuda Animación Sociocultural e Turismo e traballa durante todo o ano.

"Estou traballando aquí en Alcampo e despois tamén fago algúns eventos relacionados coa animación, de monitora de coidadora", relata Nerea Míguez, estuda e traballa nun supermercado durante todo o ano, ten 29 anos.

Todas elas forman parte da xeración sisi. Teñen entre 16 e 29 anos e non perden o tempo. En España un de cada tres mozos e mozas, traballa e estuda, unha cifra que se triplicou nesta última década.

"Traballar implica pois adquires coñecementos, coñeces xente, cóllese currículo".

"Tes os teus propios aforros para poder gastar no que ti prefires, darte un capricho e iso pois si, está moi ben".

Traballar mentres se estuda axuda a desenvolver competencias e habilidades sociais, unha experiencia que as empresas valoran. A hostalaría, o comercio e as actividades relacionadas co tempo libre son os sectores onde máis traballan. Iso si valoran xornadas que lles permitan seguir vivindo como o que realmente son.

"Saes de traballar e tes toda a tarde para desfrutar, para ir á praia, para quedar cos amigos, para ir ao festival, para ir á piscina, mesmo tes as findes se queres para facer unha viaxe, unha escapada de fin de semana. Eu creo que si te organizas dá tempo a todo pero hai que tamén saber organizarse", conclúe Nerea.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade