Publicador de contidos

Publicador de contidos

O temporal azouta Tarragona: máis de 200 litros, dúas comarcas confinadas e 18 rescatados

O temporal azouta Tarragona: máis de 200 litros, dúas comarcas confinadas e 18 rescatados

As fortes chuvias obrigan a cortar ata 12 estradas de Tarragona, Valencia, Castelló, Murcia e Almería

Máis de 400.000 alumnos quedaron sen clase na Comunidade Valenciana

Unha riada deixa máis dun cento de incidencias en Albacete

Para este sábado Aemet ten activos avisos laranxa por chuvia nas Baleares, Castela e León, Cataluña, Estremadura e Comunidade Valenciana

EFE EFE
G24.gal 02/10/2026 19:19 Última actualización 02/10/2026 21:05

As fortes chuvias e as inundacións derivadas manteñen cortadas un total de 12 estradas en varios puntos do Estado a tarde deste venres, nas provincias de Tarragona, Valencia, Castelló, Murcia e Almería, segundo informou a Dirección Xeral de Tráfico na súa conta de X.

A DXT recomenda aos condutores que eviten desprazarse polas zonas afectadas e que consulten a información do tempo e as estradas antes de empezar a circular.

O forte temporal azoutou o sur de Tarragona, con chuvias superiores a 200 litros por metro cadrado, que obrigaron a confinar dúas comarcas e nas que os servizos de emerxencias rescataron 18 persoas atrapadas en vehículos sen que consten feridos.

Despois do temporal deste martes na área de Barcelona, as precipitacións descargaron con aínda máis intensidade este venres na área de Terres de l'Ebre, zona do sur de Tarragona frecuentemente castigada por intensas chuvias.

Á primeira hora da mañá, Protección Civil da Generalitat ordenou o confinamento do Montsià e do Baixo Ebro. Así, a Generalitat pediu á poboación non saír ao exterior, subir a plantas superiores e contactar co 112 en caso de emerxencia, ante unha alerta vermella por unha previsión de choivas fortes que se cumpriu, mentres que, por precaución, diversos municipios decidiron pechar escolas.

A Axencia Catalá da auga (ACA) emitiu diversos avisos e fai un seguimento de enchentes de ríos e barrancos, que baixaron moi cargados aínda que non se rexistraron desbordamentos. Protección Civil acordou levantar o confinamento en Baixo Ebro e Montsià a última hora da mañá deste venres, aínda que mantén a alerta do INUNCAT.

O 112 recibiu máis de 500 chamadas relacionadas co temporal, correspondentes a 376 incidentes.

Na Comunidade Valenciana concluíu ao mediodía deste venres o aviso vermello de Aemet, tras deixar acumulados de choiva de 140 litros por metro cadrado no litoral de Castelló e con máis de 400.000 alumnos sen clase na rexión.

O Goberno de Murcia enviou aos teléfonos móbiles da comarca do Campo de Cartaxena e Mazarrón unha mensaxe Es-Alert, despois de que a Aemet elevase o aviso de laranxa a vermello por choivas de ata 60 litros por metro cadrado e hora, entre as 14.00 e as 18.00 da tarde deste venres.

A rambla vertente ao mar Menor do Albujón na Puebla-Cartaxena alcanzou entre o 80% e o 100% da súa capacidade, aínda que non corre risco de desbordarse ao descender ata o 67%, mentres que a das Colonias, coa mesma desembocadura pero en Los Alcázares, marcou cotas de entre o 60% e o 80% da súa capacidade, pero descendeu ao 49%.

Os pluviómetros da Confederación Hidrográfica do Segura rexistraron na zona de Cartaxena acumulados de máis de 107 litros. O 112 atendeu ata as 17.45 horas 301 chamadas por 222 incidentes por choivas, ningún de entidade.

O vicepresidente primeiro e conselleiro andaluz de Presidencia, Sanidade e Emerxencias, Antonio Sanz, activou este venres a fase de emerxencia, situación operativa 1, do Plan de Emerxencia ante o Risco de Inundacións en Andalucía ante os avisos meteorolóxicos por chuvias e tormentas en comarcas de Almería e Granada.

Unha riada deixa máis dun cento de incidencias en Albacete

Unha riada provocada polas chuvias deste venres deixou máis dun cento de incidencias relacionadas con inundacións na localidade albaceteña de Madrigueras, que se atopa completamente anegada.

O 112 recibiu 108 avisos por inundacións en casas, sotos, garaxes ou locais e a Junta enviou un Es-Alert na comarca da Manchuela no que se recomenda evitar desprazamentos. En varios vídeos difundidos por redes sociais ao longo da tarde deste venres pódese ver tamén como a auga arrastrou coches e outros vehículos.

O consistorio albaceteño enviara un bando móbil para solicitar precaución ante o aviso de tormentas. Ademais, a Garda Civil cortou os accesos ao municipio

Polo momento, para este sábado a Aemet activou aviso laranxa nalgún momento do día en Baleares, Castela e León, Cataluña, Estremadura e Comunidade Valenciana por perigo de choivas e tormentas. 

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade