Sindicatos do ensino concertado en Galicia convocan o 6 de outubro a segunda folga deste curso
As centrais reclaman "condicións dignas" para o persoal e lembran que os concertados representan o 30 % dos centros educativos galegos
Acusan á Xunta de non escoitar as súas reivindicacións e de "non avanzar nas negociacións"
Concentración do ensino concertado o pasado 9 de setembro. CCOO
Os sindicatos da educación concertada en Galicia convocaron unha xornada de folga para o próximo día 6 de outubro, a segunda no que vai de curso. Ademais, CC.OO, FSIE, UXT, FeUSO, SNEP e CIG anunciaron que ese mesmo día, a partir das 11.30 horas, unha manifestación percorrerá as rúas de Santiago de Compostela.
Esta nova convocatoria chega despois da xornada de folga celebrada o 9 de setembro, primeiro día da volta ás aulas, cuxo seguimento foi cifrado en máis dun 60% por parte dos sindicatos.
"Terán que escoitarnos nas rúas", subliñan os sindicatos
"Se non queren escoitarnos nunha mesa, terán que escoitarnos nas rúas", advertiron os sindicatos, á vez que acusaron á Consellería de "non atender as reivindicacións do persoal do ensino concertado" e de "non avanzar na negociación".
Con todo, os sindicatos lembraron que o ensino concertado representa preto do 30% do ensino galego e reclamaron "condicións dignas" para as súas traballadoras e traballadores.