Rompe unha foxa de xurro en Tordoia e causa unha vertedura na contorna do río Bustelo
Foi o gandeiro propietario da explotación quen avisou da rotura dun muro de contención do depósito
Os servizos de emerxencias advertiron da situación a todos os concellos augas abaixo do río e están a tomar mostras para determinar o alcance da vertedura
O alcalde de Tordoia garante o consumo de auga da traída municipal e di que o suceso non se debeu a unha imprudencia
A rotura dunha foxa de xurro con máis dun millón de litros en Tordoia provocou unha vertedura na contorna do río Bustelo durante a noite deste luns.
Preto das 22:00 horas do 14 de setembro, un gandeiro de Santaia de Gorgullos contactou co servizo telefónico de emerxencias para avisar das dificultades para controlar unha vertedura de xurro.
Segundo puideron comprobar os axentes da Garda Civil, a perda do esterco produciuse pola rotura do muro de contención dunha foxa, en que acumulara máis dun millón de litros.
Con base ás primeiras estimacións realizadas polos axentes, verteuse aproximadamente un terzo da cantidade total, que descende por un ladeira camiño do río Bustelo.
Deste xeito, seguindo as indicacións dos técnicos do centro de control de verteduras de Augas de Galicia, o 112 Galicia avisouse aos concellos lindeiros, situados augas abaixo, co fin de que extremen a vixilancia sobre o curso fluvial.
Igualmente, realizaranse os controis e toma de mostras necesarias para determinar o alcance da vertedura.
Garantido o consumo de auga en Tordoia
O alcalde de Tordoia, Antonio Pereiro, garantiu o consumo de auga municipal tras a vertedura de xurro na contorna do río Bustelo. "A nosa captación está moito antes, metros atrás", concretou para insistir en que "os veciños poden estar tranquilos".
Así o manifestou en declaracións a Europa Press. Ao respecto, explicou que o río "desemboca en Lengüelle e este no Tambre" e que "Augas de Galicia está a avaliar mostras en diferentes sitios para actuar en función dos resultados".
En canto ao incidente, apuntou que a capacidade da fosa "era dun millón e pico de litros pero a vertedura foi menor, sobre 300.000 litros".
Neste sentido, indicou que o suceso "non foi unha imprudencia". "Foi unha rotura dun lateral de formigón armado", detallou tras relatar que os veciños que estaban na zona realizaron "un traballo de colaboración que evitou que as consecuencias fosen moito peores".
"Cunha pa fixeron como unha especie de contención con terra e evitaron que parte deste xurro terminase no río", especificou para engadir que tamén crearon "unha fosa para depositar aí os residuos coas cisternas".
Afectación río abaixo
Augas de Galicia desprazou persoal do Programa de Control de Verteduras (PCV) para realizar inspeccións na zona. Os técnicos comprobaron as medidas adoptadas, e constataron que se logrou reter parte do xurro pero que había presenza na zona de ribeira do río Bustelo, que permanecía estancado.
Ademais desde o PCV avanzaron cara a Santiago e dectetaron contaminación no río Lengüelle, e está previsto que sigan descendendo ata o Tambre para acotar o alcance da zona afectada.
Tamén se contactou cos responsables da xestión da estación de tratamento de auga potable (ETAP) de Santiago, que indica que polo momento o xurro non chegou ata este punto de captación. Con todo seguen a realizar análises para adoptar posibles medidas no caso de que finalmente se produza a contaminación das augas nese lugar.
Por outra banda, fontes da Garda Civil consultadas por Europa Press trasladaron que teñen despregados no lugar dos feitos un equipo do Seprona, entre outros efectivos que están a traballar na zona, e tamén confirmaron que "hai dous ríos afectados: o Bustelo e o Lengüelle".