Vigo lidera a loita europea contra as novas biotoxinas mariñas que trae o quecemento global
O laboratorio que ten na cidade a Axencia Española de Seguridade Alimentaria coordina os controis en toda a UE das "toxinas emerxentes" que xa se detectaron no Mediterráneo e nas Canarias
Chámanlles biotoxinas emerxentes e vanse achegando pouco a pouco. Son as novas susbtancias detectadas en diferentes seres mariños e que poden converterse nunha ameaza para a pesca e para o marisqueo porque, como outras toxinas que xa se coñecen ben, poden ter efectos nocivos na saúde humana. Detrás, si, está o cambio climático. O quecemento dos mares altera a dinámica do fitoplancto e fai que xere outros compostos.
Un centro de Vigo, o Laboratorio de Biotoxinas Mariñas da Axencia Española de Seguridade Alimentaria, coordina a investigación en toda a Unión Europea. Hai anos que é o laboratorio de referencia para este campo e agora o seu reto é atopar e analizar esas novas susbtancias.
"Agora estamos vendo que toxina mariñas, que non están lexisladas, que non eran aquí tradicionais, que non se detectaban, agora son novos retos", explica a directora do laboratorio (EURLMB polas súas siglas en inglés), a boirense Sabrina Otero.
De momento esas novas toxinas non se detectaron en niveis relevantes en Galicia. Pero si están presentes no Mediterráneo e, máis recentemente, apareceron tamén nas illas Canarias, onde obrigan a revisar xa capturas de peixe e de moluscos.
O ministro de Dereitos Sociais e Consumo, Pablo Bustinduy, visitou o EURLMB de Vigo, que depende da Axencia Española de Seguridade Alimentaria.
Nun futuro poderían chegar máis ao norte. Para combatelas os científicos teñen que desenvolver novos métodos para detectar estas subtancias e, sobre todo, para poder saber ata que punto supoñen un perigo para a saúde alimentaria. Ese é o traballo que se lidera desde Vigo.