Levantados os confinamentos pola dina que deixa catro mortos no Levante
Na Comunidade Valenciana recolléronse 700 litros de chuvia por metro cadrado
Ata 145 concellos confinados, máis de 2.000 evacuados e 500 rescatados
Investigan se o temporal causou unha quinta vítima mortal en Málaga
A Generalitat levantou o confinamento nos oito municipios da Comunitat Valenciana onde estaba aínda vixente esta medida pola dina.
O conseller de Emerxencias, Juan Carlos Valderrama, explicou tras a última reunión do Centro de Coordinación Operativa Integrado (Cecopi) que finaliza o confinamento que seguía vixente en Bellreguard, Piles, Miramar, Oliva e Daimús, no litoral sur de Valencia, e en Xàbia, Pego e Els Poblets, no litoral norte de Alacante. Foron os últimos dos 145 concellos que chegaron a estar confinados.
Segundo indicou, tamén se decidiu desmobilizar a UME e pasouse a unha situación 1 de emerxencia, centrada de novo nas comarcas da Safor e a Mariña Alta.
O conseller expuxo que a situación meteorolóxica mellorou "ostensiblemente" en todo o litoral de Castelló e todo o litoral de Valencia, pero advertiu que entre as 21 horas e as tres da madrugada hai aviso laranxa no litoral sur de Alacante.
"Isto significa 40 litros por metro cadrado nunha hora e 80 litros por metro cadrado aproximadamente en 12 horas", apuntou.
Ata o de agora, desde o inicio da dina Adam, o 112 xestionou un total de 1.713 incidentes: 1.202 na provincia de Valencia, 492 en Alacante e 19 en Castelló, segundo as cifras achegadas polo titular de Emerxencias.
Tamén sinalou que, "en xeral xa non estamos a ter ningunha chamada por rescates, pero en preventivo mantemos o dispositivo aéreo e tamén un dispositivo de drons", resaltou.
En canto aos caudais, Valderrama explicou que as confederacións hidrográficas presentes no Cecopi sinalan que "están a diminuír lentamente" e que agora "o único problema está na zona marítima, en determinados municipios onde aínda non se pode desaguar a auga ao mar".
Máis de 2.000 evacuados e 500 rescatados
A Garda Civil evacuou un total de 2.141 persoas e rescatou a 496 (423 en Valencia e 73 en Alacante) desde o inicio da dina Adam, segundo o balance difundido polo instituto armado a última hora deste luns.
Entre elas, o Grupo Especial de Actividades Subacuáticas (GEAS) rescatou a cinco persoas con dificultades de mobilidade entre as localidades valencianas de Oliva e Pego.Ademais, unha familia foi rescatada en Oliva por parte de compoñentes do Grupo de Reserva e Seguridade (GRS) e tamén se auxiliou a oito cans que estaban illados.
Catro falecidos
Un home de 64 anos faleceu por mor dun infarto nun cámping da localidade valenciana de Oliva, que esta madrugada sufriu graves inundacións. É, polo momento, a cuarta vítima mortal. Antes, os equipos de rescate achaban o cadáver dunha persoa no municipio valenciano de Oliva, unha das zonas máis castigadas polo temporal.
Estaba no baixo da súa casa xunto á súa sobriña, que estaba viva, confirmaron fontes da Unidade Militar de Emerxencia. A manobra de rescate da vítima e da súa sobriña serán nun helicóptero da Garda Civil, segundo as mesmas fontes.
Con estes dous falecementos, son catro as vítimas mortais pola dina no Levante, despois de que nas últimas horas localizaran o corpo sen vida doutra muller en Sagunto (Valencia), de que desaparecera mentres se bañaba xunto á súa parella na praia de Corinto. En Cataluña outra persoa morreu ao ser arrastrada por unha riada.
Clases suspendidas en seis concellos de Valencia e Alacante este martes
Un total de seis localidades de Valencia e Alacante manterán as clases suspendidas este próximo martes pola dina Adam, informa a Conselleria de Educación.
Na provincia de Valencia, trátase dos municipios de Miramar, Oliva, Bellreguard e Piles. Pola súa banda, na provincia de Alacante non terán clase os alumnos do Verger e Els Poblets.