Publicador de contidos

Publicador de contidos

A DINA Adam deixa unha vítima mortal e mantén zonas en aviso vermello

A DINA Adam deixa unha vítima mortal e mantén zonas en aviso vermello

En Cataluña atoparon o corpo sen vida da muller desaparecida en Cabrera de Mar tras ser arrastrada pola forza da auga

Este domingo mantéñense varios avisos vermellos por fortes chuvias en Valencia e Alacant, en Eivisa e Formentera

As autoridades piden á cidadanía que extreme as precaucións

EFE/ Marta Perez
G24.gal 18/10/2026 15:09

A DINA Adam cobrouse xa unha vítima mortal, unha muller arrastrada pola auga do torrente en Cabrera de Mar (Barcelona), e está a causar significativas incidencias no litoral mediterráneo, onde este domingo Valencia, Alacante, Eivissa e Formentera están en aviso vermello por 'un perigo extraordinario' pola forte choiva. 

Os equipos de emerxencia localizaron este domingo no mar o corpo sen vida da muller a uns 6 quilómetros do punto no que desapareceu. Foi arrastrada pola auga cando camiñaba xunto ao seu marido e os seus dous fillos na zona do pavillón municipal de Cabrera.

Tamén en Cataluña, dúas persoas tiveron que ser rescatadas tras quedar atrapadas pola auga dentro dun coche en Sentmenat (Barcelona).

As horas máis adversas da DINA 

"Estamos ante as horas máis adversas do temporal de choiva provocado a pola dina Adam en combinación coa chegada de ventos húmidos procedentes do mar Mediterráneo", sinalou o portavoz da Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), Rubén do Campo, nun videocomunicado. 

Do Campo incide en que nas zonas en aviso vermello (Valencia, Alacante e Baleares) as precipitacións son tan fortes que poden acumularse grandes cantidades de auga: máis de 300 litros por metro cadrado en menos de 24 horas nas zonas en aviso vermello, dando lugar a inundacións e crecidas de canle.

Alén das zonas en aviso vermello, este domingo están en laranxa, por perigo importante de choivas algunhas zonas de Sevilla, Málaga e Cádiz, o litoral de Granada e Almería, Murcia e Mallorca.

A precipitación acumulada nestas zonas en aviso laranxa podería ser de máis de 50 litros por metro cadrado nunha hora, con acumulados de máis de 150 litros por metro cadrado en 12 horas.

Nas Illas Baleares, eses 150 litros poderían caer en tan só 5 ou 6 horas.

EFE/ Sergio G. Cañizares EFE/ Sergio G. Cañizares

Incidencias 

O temporal deixou numerosas incidencias nas últimas horas na rexión mediterránea. En Andalucía, onde onte se activou o Plan de Emerxencia ante o Risco de Inundacións (PERI) á fase de emerxencia, situación operativa 1, rexistráronse 89 durante a madrugada, 73 delas na provincia de Málaga.

En Málaga capital caeu unha parte do teito do centro de saúde da barriada do Pau tras a intensa choiva da madrugada. 

En Alacante cidade, a forte choiva e o vento provocaron este sábado unha manga sobre o ceo da cidade (un fenómeno aproximado a un tornado que non chega a tocar terra) sen que deixase danos materiais.

A choiva provocou hoxe inundacións nas rúas do municipio alacantino de Denia. 

En Baleares, a alerta de Protección Civil por aviso vermello meteorolóxico saltou este domingo ás 11.21 horas nos dispositivos móbiles da cidadanía de Eivissa e Formentera, onde se suspenderon todas as actividades ao aire libre.

Próximas horas 

O risco de inundacións seguirá sendo moi alto ao longo desta tarde, da madrugada e das primeiras horas do luns. 

Haberá tormentas de intensidade moi forte ou torrencial, con acumulados importantes e refachos moi fortes de vento, na Comunidade Valenciana, os litorais do sueste e Baleares.

A partir da mañá do luns daranse chuvascos e tormentas fortes en Andalucía e o litoral da Comunidade Valenciana, e pola tarde, moi fortes e persistentes en Cataluña. 

Aemet mantén o aviso vermello por risco extraordinario de fortes precipitacións ao sur de Valencia e ao norte de Alacante.

Na illa canaria do Hierro, espéranse tamén precipitacións fortes e persistentes.

A partir do martes é probable que a inestabilidade vaia diminuíndo.  

EFE/A.Carrasco Ragel EFE/A.Carrasco Ragel
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade