Publicador de contidos

Publicador de contidos

Xiro na investigación do mozo que afogou no Gafos: de suicidio a homicidio

Xiro na investigación do mozo que afogou no Gafos: de suicidio a homicidio

Investigan se o amigo de 17 anos que estaba con el o afogou cando xa estaba no río

Unha cámara de seguridade recolle como o mozo, que tiña 18 anos, salta ao río por propia vontade

G24.gal 30/09/2026 14:33

A cámara de seguridade da comunidade de veciños recolle os últimos minutos de Jorge antes de saltar ao río, xusto nos soportais dos edificios. 

"Están xogando como se fixeran clases de taekwondo ou de karate pero sen contacto directo e, de súpeto, el mesmo bota a correr, salta e tírase. É o que gravaron as cámaras", relata un veciño que tivo acceso ás imaxes.

Unhas imaxes que tamén recollen a reacción do amigo, un menor que daquela tiña 17 anos.

"O mozo vén correndo, sobe ao valado e mira para baixo pero a altura é de tres ou catro metros. Entón, dá a volta e sae correndo pedindo auxilio e pedíndolles aos veciños que chamasen a policía, que o amigo se tirara", engade.

Baixou ao río axudar. Confírmano os veciños. 

"O rapaz saltou á auga e suxeitouno, pero non foi quen de sacalo para a beira e saíu pedindo axuda, e veu outro mozo do ximnasio e sacouno", continúa o home.

Algo non casa. Citárono na comisaría. Identificado, non detido, pero, malia iso, o xulgado impúxolle unhas medidas disciplinarias de reeducación de condutas, de control da ira e tratamento psiquiátrico. Parece que non as cumpriu e decretaron o seu ingreso nun centro. O mozo marchou a Irlanda. 

A policía, cos especialistas de actividades subacuáticas, volveu no verán a reconstruír aquela tarde entre amigos. 

"Veu o xulgado e a Policía Nacional unhas vinte persoas. Mesmo cortaron o tráfico e estiveron aquí horas pero foi xa no verán", confirma o veciño.

A autopsia confirma que Jorge tiña golpes nun beizo, na cabeza e na fronte, pero morreu afogado. Investigan se ese amigo o afogou cando xa estaba deitado no leito do río.

A Audiencia Provincial acaba de ratificar a orde de internamento do menor, ao considerar que hai indicios suficientes de delito. A familia da vítima non quixo facer declaracións á espera de saber se foio suicidio ou homicidio.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade