Entran en vigor os cambios da DXT para reforzar a protección a motoristas, ciclistas e patinetes
A partir deste xoves 1 de outubro teñen validez a maioría das modificacións introducidas no regulamento de Tráfico
A xungla de asfalto adáptase ás novas especies que a poboan. O xoves 1 de outubro entran en vigor os cambios introducidos pola DXT no regulamento de Circulación. Tráfico quere adaptar as normas á nova realidade e ás novas formas de mobilidade, como os patinetes. A maioría das modificacións teñen que ver co uso e a protección do que chama "usuarios vulnerables", en que tamén inclúe os motoristas e os ciclistas.
Patinetes e VMP
Para os patinetes e os outros vehículos de mobilidade persoal o máis relevante é que pasa a ser obrigatorio usar sempre casco. Ademais, haberá que levar chaleco de noite ou con baixa visibilidade e terán que poñelo en todo momento os profesionais, como poden ser os repartidores. A outra novidade é que os VMP terán que levar prendidas sempre as luces, aínda que para cumprir con esta obriga hai un prazo dun ano, ata outubro de 2027.
Novidades para os ciclistas
Tamén terán que levar sempre casco e chaleco os repartidores que circulen en bicicleta. Pero para os ciclistas a maior novidade son os adiantamentos. En vías interurbanas os vehículos que os adianten deberán reducir a velocidade en, cando menos, 20 km/h sobre o máximo permitido. E se hai máis dun carril por sentido os coches terán que cambiar por completo de carril e deixar a separación de metro e medio coas bicis.
Protección aos motoristas
Para os motoristas a noticia está na roupa. A partir de agora queda prohibido conducir motos con sandalias ou chanquetas. E en vías interurbanas pasa a ser necesario poñer sempre luvas. Os repartidores tamén terán que vestir chaleco. E Tráfico atende unha vella reclamación dos motoristas: poderán pasar pola beiravía dereita cando haxa un atasco, se está sinalizado e sen superar os 30 km/h.
Ademais, a DXT elimina as excepcións ao uso do cinto de seguridade. Tanto os repartidores, como os taxistas, como os profesores de autoescola deberán poñelo sempre.