Minuto de silencio en Ponteareas: o matricida confeso recibe a alta médica
O Goberno local condena o sucedido, e expresou a súa "consternación e dó" pola tráxica morte da veciña
O home que confesou que acoitelara a súa nai pasará este martes á disposición xudicial
O Concello de Ponteareas convocou para este mediodía toda a cidadanía a participar nun minuto de silencio que tivo lugar fronte as portas do consistorio local en sinal de dó pola morte dunha veciña de 81 anos este domingo a mans, presuntamente, do seu fillo.
O Goberno local manifestou a súa "máis profunda consternación, dor e enérxica condena ante o tráxico asasinato".
Segundo explicou o tenente de alcalde e alcalde en funcións da vila, este domingo a primeira hora da tarde un home, confesou no Hospital Álvaro Cunqueiro que matara presuntamente a súa nai con arma branca. O suposto matricidida é un home de 60 anos, electricista de profesión e cunha enfermidade psiquiátrica crónica que coidaba habitualmente de súa nai. que estaba encamada con problemas de mobilidade e diversas doenzas.
O Goberno local puxo todos os recursos municipais á disposición da familia e brindoulle a súa colaboración ás autoridades sanitarias e xudiciais para o total esclarecemento dos feitos.
O suposto autor do crime foi dado de alta hoxe despois de ser detido por homicidio e permanecer baixo custodia policial no hospital Cunqueiro. Está previsto que este martes pase a disposición xudicial no xulgado número 2 de Ponteareas.