Investigan a relación entre o achado dun morto en Muros con dúas desaparicións no Salnés
As unidades policías buscan conexións coa operación de narcotráfico desmantelada en Esposende, en Portugal
A Policía Xudicial da Garda Civil trata de esclarecer as circunstancias da morte dun home atopado flotando na contorna da praia de Galiñaceiro, en Esteiro, cuxas dilixencias coordina o Tribunal de Instancia de Muros.
O falecido era veciño de Vilanova de Arousa e tiña 36 anos. Ao parecer presentaba un golpe na cabeza pero a autopsia practicada no Instituto de Medicina Legal de Galicia determinará as causas da morte.
A aparición do cadáver coincide no tempo coa posible desaparición de dúas persoas a comarca do Salnés. Segundo puido saber a Televisión de Galicia, as unidades policiais investigan a relación de ambos feitos, pero hai máis.
O mesmo luns que apareceu o corpo flotando na auga, Salvamento Marítimo recuperaba preto de medio cento de bidóns de gasóleo e gasolina que avistara un pesqueiro aboiando preto da praia de Rodeira, fronte ao porto de Cangas. E en Carnota foron localizadas dezasete garrafas máis.
A investigación avanza baixo a hipótese de que o combustible atopado na costa galega poida ter relación cunha operación de narcotráfico no norte de Portugal.
Dáse a circunstancia de que os bidóns son idénticos ás 60 garrafas que a Policía Portuguesa requisara, nunha narcolancha en Esposende, hai xusto unha semana. Naquel momento os axentes detiveron un home, pero outros tres lograron fuxir.