Psicólogo de balde e sen listaxe de espera para os alumnos da universidade
As universidades públicas galegas ofrecen este servizo con seis sesións de apoio, que serán completadas no Sergas en caso necesario
A UDC foi a primeira en ofrecer este servizo que se coordina desde o Campus de Ferrol
"Os estudantes sufrimos moita ansiedade, e é importante atender este problema, que é serio. Sentimos que estamos nun momento global que é un desastre. De que serve o que estudamos? Aféctanos moito isto agora mesmo ás persoas da nosa idade: saber se poderemos emanciparnos, traballar...", son testemuñas que recollidas no Campus de Ferrol.
Responder a estas inquedanzas e axudar a afrontar o malestar emocional é o que fan nesta unidade de atención psicolóxica. A da Coruña foi a primeira universidade galega que puxo en marcha este servizo, en plena pandemia. Ofrecen atención en liña, ou presencial: seis sesións para achegarlles ferramentas que lles axuden.
"A universidade é o momento en que esperan que sexa o seu lanzamento á emancipación e isto está sendo difícil. Ao mesmo tempo é unha xeración moi consciente da soidade, que paradoxalmente se produce nun medio que esta cheo de conexións, contactos e redes", explica Valentín Escudero Director do Programa Afrontemos de UDC.
"Acabamos de asinar un protocolo que se fose preciso continuar a asistencia se faga de xeito coordinado co Sergas. Por iso é tan importante esta colaboración, na que estamos implicadas as tres universidades", cóntanos Ana Ares, a Vicerreitora do Campus de Ferrol.
O programa está aberto a toda a comunidade universitaria pero o 90 % dos pacientes son estudantes.