A Xunta prevé reformar a lei de universidades mediante o trámite dos orzamentos
Os principais cambios da nova norma, de carácter "técnico", están pensados para adaptarse á Lei Orgánica do Sistema Universitario aprobada polo Executivo central, segundo explicou o conselleiro de Educación, Román Rodríguez
A Xunta quere que os consellos sociais das institucións académicas teña maior control sobre as súas finanzas
Os rectores das tres universidades galegas discrepan co sistema elixido polo Goberno galego para a modificación da lei
Xunta e universidades reúnense para abordar a adaptación á Lei Orgánica do Sistema Universitario. Mónica Arcay/Europa Press
O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, anunciou este mércores que a Xunta de Galicia prevé modificar a norma autonómica vixente sobre as universidades mediante un novo texto que irá incluído na futura lei de medidas fiscais e administrativas dos orzamentos para 2027.
Rodríguez reuniuse esta tarde cos reitores das tres universidades galegas, Rosa Crujeiras (USC), Carmen García Mateo (UVigo) e Ricardo Cao (UDC), ante quen expuxo os principais cambios desta nova norma, pensada, dixo, para adaptarse á Lei Orgánica do Sistema Universitario (Losu) aprobada polo Goberno central.
En declaracións aos medios, o titular galego de Educación expresou as súas discrepancias co contido desta lei, á que se referiu como "unha oportunidade perdida" para abordar as prioridades do sistema universitario por ser "pouco ambiciosa" e non dar pé aos "cambios estruturais" que, ao seu xuízo, son necesarios.
No entanto, o conselleiro advertiu que "a inmensa maioría" dos cambios para realizar na lei galega son "de carácter técnico" e por este motivo defendeu acometelos mediante a coñecida como lei de acompañamento dos orzamentos.
O borrador da nova norma está aberto as propostas das universidades
Trátase, remarcou Rodríguez, "dunha simple cuestión de economía xurídica"; para logo subliñar que, a pesar de que a Xunta presentou xa un texto aos reitores, este está aberto a posibles "achegas" das universidades que o "melloren" ou "enriquezan".
Deste xeito, no borrador abórdanse temas como o papel dos consellos sociais destas institucións académicas, que o Goberno galego quere reforzar dotándoos de maior control sobre as finanzas das universidades.
As universidades discrepan co método de tramitación
Este foi, xunto co sistema de financiamento, un dos principais elementos de fricción entre a administración autonómica e as tres universidades galegas en tempos recentes; ao que se suman as discrepancias das tres rectorías co método de tramitación escollido pola Xunta para esta modificación legal.
Así pois, Crujeiras (USC) trasladou que "non é o máis adecuado" cambiar a lei universitaria mediante a norma de medidas fiscais e administrativas que cada ano acompaña aos orzamentos autonómicos, pero dixo entendelo pola "urxencia" das reformas acometidas.
A reitora compostelá dixo que necesitarán "uns días para revisar máis en profundidade" un texto que lles foi remitido onte, pero afirmou que inclúe cambios que esperaban "desde facía tempo", no seu caso para poder proceder á reforma estatutaria da institución.
Pola súa banda, García Mateo (UVigo) expresou que resulta "difícil" analizar por completo as "implicacións" desta reforma en tan pouco tempo, pero xa anticipou que botan en falta detalles que ven "importantes", como unha concreción das auditorías adicionais ás que poderán ser sometidas as universidades.
O reitor da UDC, Ricardo Cao, compartiu este diagnóstico, aínda que manifestou a súa disposición "para colaborar e a poder achegar información" para mellorar a norma proposta e chegar a acordos sobre o seu contido.
Cao explicou máis en detalle un dos puntos de preocupación compartidos polos tres reitores, consistente na supresión dun artigo relativo ao control da implantación en Galicia de franquías de universidades con sede noutros lugares.
"Iso é algo que nos preocupa, por dicilo así, porque queremos saber tamén a motivación diso. Digamos que non creo que fose positivo se isto implica unha omisión dese control", sostivo o reitor coruñés, que demandou maior concreción a este respecto.