Milleiros de persoas maniféstanse nas protestas estudiantís en Francia sen grandes incidentes
A deste martes é unha das mobilizacións máis masivas do ano en contra da deterioración dos servizos públicos
Desde que a mediados de setembro estalou a revolta, houbo máis de 600 policías e máis de 200 estudantes feridos
Manifestación de estudantes en París. France Press
As protestas estudantís en Francia reuniron este martes entre 256.000 e 450.000 manifestantes, de acordo coas diferentes cifras ofrecidas polas autoridades e os sindicatos, respectivamente, nunha xornada que transcorreu sen grandes incidentes.
O Ministerio do Interior de Francia calculou só en París 56.000 participantes na marcha encabezada polos alumnos de instituto, mentres que as centrais sindicais aumentaron esa cifra ata os 100.000.
En todo caso, trátase dunha das protestas máis masivas deste 2026 e reflexo do malestar social de boa parte dos franceses coa deterioración dos servizos públicos e co encarecemento de servizos básicos como os da enerxía.
Máis de 5.000 detencións desde que comezaron as mobilizacións
As protestas suceden en plena polémica polas denuncias recíprocas de violencia entre policías e menores e que tivo un dos seus puntos álxidos o luns, cando un adolescente de 15 anos perdeu unha man, en circunstancias aínda baixo investigación, durante uns enfrontamentos ás portas dun instituto de Lens (norte de Francia).
Desde que a mediados de setembro estalou a revolta, houbo máis de 600 policías e máis de 200 estudantes feridos e máis de 5.000 arrestos en todo o país, alén de desfeitas nos centros educativos e en mobiliario urbano xa avaliados en varias decenas de millóns de euros.
A converxencia de loitas entre estudantes, sindicatos e a esquerda sucede tras a presentación do plan orzamentario para 2027 do Goberno de Sébastien Lecornu, criticado por incluír medidas de aforro que o Executivo xustifica debido á elevada débeda do país (case o 120% do PIB) e a presión que os bonos franceses sofren nos mercados.