Publicador de contidos

Publicador de contidos

"Déronnos con botellas, unha navalla e unha pistola", di un dos agredidos no barrio compostelán de Conxo

"Déronnos con botellas, unha navalla e unha pistola", di un dos agredidos no barrio compostelán de Conxo

A vítima e a súa contorna di que os agresores están identificados con nomes, con enderezos e imaxes

G24.gal 16/09/2026 14:26

"Chegaron da nada e empezan querendo quitarme a gorra, como para 'azararme', querendo que eu entre na pelexa e xa empezaron a lanzar contra nós, que eramos tres ou catro. Empezaron a darnos golpes con botellas, un sacou unha navalla e unha arma de metal e péganme tres 'cachazos' na cabeza", narra a vítima.

Relato arrepiante que cadra co que se ve nas imaxes: puños, patadas, navallas e esa pistola que, por sorte, cae ao chan. 

"Fórmase unha pelexa moi, moi violenta porque lle deron con botellas, e non de cervexa. Eran botellas de whisky que son de gran volume e sacáronlle coitelos, navallas e mesmo unha pistola", engade unha nai que acolleu ao mozo durante a ausencia temporal da familia.

Varios amigos acabaron con cortes na cabeza e golpes por todo o corpo, que no atestado policial se reducen a lesións que non revisten gravidade nunha pelexa de xente nova.

"Eles non lle deron importancia pero é importante porque son menores de idade que saen á rúa armados ata os dentes. Non son pelexas de nenos. Cando saes cun coitelo, non saes con boas intencións e cunha pistola, menos", lamenta a muller.

Non era o primeiro ataque. Ameazárano nas redes, en vídeos colgados polos propios agresores, pistola en man e a cara descuberta.

"Ameázanme con armas de fogo, recargándoas e todo, en directo, dicindo que me van a dar cun coitelo e que se non marcho de Santiago, non a vou contar", explica o mozo, ensinando o vídeo.

E tamén na porta da casa. 

"Unha semana antes vírano por Quiroga Palacios e acurralárono entre sete, que tamén temos vídeo, empuxándoo contra unha persiana e dicíndolle que o van cortar, que lle van roubar todo e mandalo espido para a casa", completa a nai de acollida.

E tanta carraxe, á conta de que?

"Foi un problema por unha muller que coñecín nunha festa e bailamos", confirma sen xustificar o rapaz.

Téñenos identificados, con nomes, con enderezos, con imaxes. Son un grupo, segundo din, que campa ás súas anchas. 

"Isto pasou a madrugada do venres pero xa pola tarde este mesmo grupo agrediu un rapaz onda a fonte de pedra da Alameda", denuncia a muller.

Temen que a próxima vez a agresión non quede en "lesións que non revisten gravidade".

"Que me encontren e me fagan o mesmo ou peor", confesa a vítima, atemorizada.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade