Un estudo dos anestesistas do CHUS mellora a seguridade nas intubacións
Acaban de ser galardoados co John Smith Airway Paper of de Year por unha investigación en que se analizaron máis de 5.000 intubacións cirúrxicas en oito hospitais galegos
O equipo de anestesistas do CHUS acada un importante recoñecemento a nivel europeo. Os seus colegas de profesión na UE e tamén no Reino Unido premiaron unha investigación que implicou oito hospitais galegos e que reduce os riscos da intubación durante a anestesia.
A metade das intervencións cirúrxicas con anestesia xeral requiren intubar o paciente. É unha técnica habitual en anestesioloxía e noutras especilidades: úsase en críticos, en coronarias e nas emerxencias. E o habitual era o uso deste aparato, deseñado en 1942 e que daba bos resultados.
"Con este dispositivo é unha laringoscopia directa, e precisamos unha liña recta desde os nosos ollos ás cordas vocais. Con estoutro, co videolaringoscopio, non precisamos forzar tanto os tecidos da vía aérea", explicou Jorge Fernández, anestesiólogo do CHUS.
Ata agora a incorporación do aparatos con vídeo só se facía en casos complicados. Pero moitas veces eran imprevisibles, así que este equipo de anestesistas decidiu investigar as vantaxes dun uso xeneralizado. O estudo comparou 2.500 cirurxías con técnica vella con 2.500 coa nova.
"E os resultados foron clarísimos. Con este conseguimos máis intubacións ao primeiro intento, as intubacións eran máis sinxelas e tamén diminúen as complicacións. Non hai moitas complicacións en anestesia, pero as poucas que había conseguiamos diminuílas", subliñou Manuel Taboada Xefe de sección de anestesioloxía do CHUS.
O estudo acaba de gañar o premio a mellor traballo de investigación en vía aérea en Europa e é citado nas novas guías europeas de práctica clínica, para recomendar que esta técnica se use tamén nos casos sinxelos. O seguinte reto, din, é que o CHUS sexa o primeiro hospital en usar este dispositivos en todas as intervencións.