Publicador de contidos

Publicador de contidos

Sergas Prof, a nova app ao servizo da teledermatoloxía

Sergas Prof, a nova app ao servizo da teledermatoloxía

A aplicación permite facer fotos de lesións cutáneas co móbil e incorporalas ás historias clínicas

Mellora e axiliza o proceso diagnóstico e terapéutico

A nova app está preparada tamén para incorporar intelixencia artificial
G24.gal 05/11/2026 15:07

As cámaras que permitían facer fotografías dunha lesión cutánea teñen os días contados. A teledermatoloxía dá un paso máis cunha nova ferramenta, a aplicación Sergas Prof.

"Vainos permitir realizar as fotografías dos pacientes cuns dispositivos móbiles propios do Sergas, cunha aplicación propia. Vanse subir estas imaxes directamente á historia do paciente e imos poder xerar a consulta con Dermatoloxía nun mesmo acto e dun xeito moi simple", explica Teresa Ferreiro, subdirectora de Atención Primaria da Área Sanitaria de Compostela.

O seu uso está destinado aos médicos de Atención Primaria que detectan na pel do paciente algún tipo de lesión e buscan a valoración dun dermatólogo.

"Podemos facerlle unha fotografía macroscópica".

Ou ir máis ao detalle utilizando un dermatoscopio. En cuestión de segundos, as fotos de altísima calidade incorpóranse á historia do paciente, unha rapidez que vai ter impacto na práctica clínica.

"Vai simplificar todo o proceso. Será un proceso moitísimo máis eficiente, vai mellorar moito a calidade da información clínica, que é a clave para todo o proceso diagnóstico e terapéutico", engade Ángeles Flores​​​​​​, xefa do Servizo de Dermatoloxía do CHUS.

A versatilidade do teléfono móbil vailles permitir aos facultativos usar esta aplicación tamén na asistencia sanitaria a domicilio.

"Todo isto, unha maior capacidade asistencial, unha maior calidade asistencial", apunta Antonio Gómez Caamaño, conselleiro de Sanidade.

Estase probando en tres centros para identificar melloras e resolver posibles incidencias. A primeiros de ano empezarase a implantar de xeito progresivo no resto dos centros de saúde.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade