Publicador de contidos

Publicador de contidos

Unha muller de Tennessee sobrevive durante unha execución nos EUA

Unha muller de Tennessee sobrevive durante unha execución nos EUA

Christa Pike continuou respirando despois de que lle administrasen dúas inxeccións letais

A muller, que levaba 30 anos no corredor da morte por un asasinato, está sendo tratada nun centro médico

Reuters Reuters
G24.gal 01/10/2026 07:01

Christa Pike, de 50 anos, ía ser executada este mércores por un asasinato cometido en 1996, cando tiña 18 anos, pero algo fallou. Sobreviviu ás dúas doses letais que lle administraron, e as autoridades ordenaron o seu inmediato traslado a unha instalación médica para recibir tratamento. Levaba case tres décadas no corredor da morte. Ía ser a primeira execución dunha muller no estado de Tennessee en 200 anos.

A execución, programada para este mércores, comezou despois de que o Tribunal Supremo levantase unha suspensión ditada horas antes por un tribunal federal de apelacións e deixase novamente vía libre ao Estado para aplicar a pena capital.

Tras as dúas quendas de pentobarbital, Pike continuou con vida e as testemuñas puideron escoitar a súa respiración durante case unha hora antes de seren obrigadas a abandonar o lugar. Segundo transcendeu, o protocolo de Tennessee non parece establecer que facer nestes casos.

A lexislación non permite procedementos adicionais máis aló dos que se realizaron durante a execución, que prevé dúas quendas da inxección letal de pentobarbital. Así, Pike foi conducida a un centro médico fóra das instalacións, onde está a recibir tratamento. Descoñécese o seu estado de saúde.

Tres décadas no corredor da morte

Pike foi condenada á morte en 1996 polo asasinato de Colleen Slemmer, unha compañeira de 19 anos. 

Cando ocorreu o crime ela tiña 18 anos e desde entón permanecía no corredor da morte de Tennessee. Ía ser a primeira execución dunha muller neste Estado en máis de 200 anos, pero o procedemento rematou sen que o Estado puidese completar a sentenza.

Agora queda por determinar que ocorrerá con Pike e coa orde de execución. Os seus avogados intentaron deter o procedemento mediante unha moción de emerxencia despois de que sobrevivise ás dúas quendas de pentobarbital.

A condena a morte segue vixente, pero non se anunciou unha nova data de execución nin está claro como responderán as autoridades ante un escenario que, segundo as testemuñas e o propio protocolo descrito por eles, non estaba previsto. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade