Un histórico bazar familiar da Coruña reinvéntase para manterse en activo
No verán vende bolsos e toallas, agora acaba de incorporar estores e paneis xaponeses
Como leva facendo desde fai décadas, Maricarmen abre cada día o seu comercio. O local é o mesmo no que seus pais iniciaron o negocio familiar nos anos 60 do século pasado.
"Meus pais colleron o traspaso dunha bodega que durou o canto dun duro porque eles ao que se dedicaban non era nada diso. Empezaron con plásticos, caldeiros, fregonas", di.
A familia instalouse na Coruña procedente da aldea ourensá de Zorelle. Maricarmen lembra como naqueles tempos a rúa estaba chea de vida e comercios.
"En fronte era a carnicería da señora Pilar, abaixo Clarisa, aquí abaixo había unha tenda de comestibles, o pataqueiro e unha tenda de electrodomésticos".
Unha realidade que mudou e ela bota en falta. Non quedou outra, di, que adaptarse.
"No verán vendo bolsos e toallas, e en inverno outras. Vaste adaptando como todo o mundo porque non podes vivir só dun artigo".
Unha das últimas incorporacións ao seu catálogo son os estores e paneis xaponeses.
"Intentamos loitar coa mercadoría, co trato persoal e traballando e traballando para saír adiante".
Conservando a esencia do que sempre foi.