A prisión de Salamanca rexeita o novo permiso solicitado por Basterra por non ter un domicilio real
Inicialmente a Xunta de Tratamento do cárcere votara de xeito favorable, pero despois cambiou a súa decisión ao comprobar que o domicilio que aportara Alfonso Basterra era en realidade un despacho da súa avogada
É a segunda vez que se lle nega unha saída da prisión; a primeira foi en maio ao considerar a Audiencia de Salamanca a extrema gravidade do delito cometido por Basterra: o asasinato da súa filla Asunta, de 12 anos
Alfonso Basterra no xuízo polo asasinato da súa filla. TVG
A Xunta de Tratamento do cárcere de Topas (Salamanca) cambiou o sentido do seu voto sobre o novo permiso solicitado por Alfonso Basterra, e non avala finalmente, do mesmo xeito que fixo coa anterior solicitude, a saída do condenado a 18 anos de cárcere por asasinar á súa filla Asunta en 2013.
Nesta ocasión, a Xunta votara inicialmente de xeito favorable, pero agora emitiu un novo informe contrario xa que Basterra indicou primeiro un domicilio duns amigos en Madrid como lugar de desfrute do permiso, pero despois cambiou a dirección e ao comprobala souberon que corresponde ao despacho de avogados da súa letrada, segundo informaron a EFE fontes penais.
A prisión entende que pode facer un mal uso do permiso de 3 días
A Xunta entende entón que se pode facer un mal uso do permiso ao non haber un domicilio real no que desfrutalo e por tanto decidiu non avalalo na súa última resolución.
O xuíz de vixilancia penal debe avaliar a solicitude deste novo permiso, de tres días e solicitado por Basterra en agosto, despois de que a Audiencia de Salamanca estimase o recurso da Fiscalía o pasado maio e denegase o primeiro solicitado polo condenado.
Os argumentos da Fiscalía para o seu recurso foron que a Xunta de Tratamento de Topas votou en contra 8-1, a gravidade do delito, que tres cuartos da pena cúmprense en marzo do 2027 e a pena non se completa ata 2031, así como a falta de asunción de responsabilidade por parte do acusado e a negación dos feitos.
O pasado 8 de maio, a Audiencia de Salamanca estimou o recurso da Fiscalía e denegou o permiso penal de catro días concedido entón polo xuíz de vixilancia penal a Alfonso Basterra, co argumento de que nese momento non concorrían no penado as condicións mínimas exixibles para beneficiarse dun permiso ordinario de saída.
A primeira solicitude foi denegada "pola negación persistente dos feitos"
Precisaba na súa resolución que tiña en conta "a extrema gravidade do delito cometido (o asasinato da súa filla menor), a distancia aínda significativa no cumprimento da condena e a falta absoluta de asunción de responsabilidade derivada da negación persistente dos feitos".
A Sala deixaba sen efecto o auto ditado o pasado 24 de marzo polo titular da praza 5 da Sección de Vixilancia Penal do Tribunal de Instancia de Salamanca, que estimou a queixa do preso contra o acordo denegatorio adoptado pola Xunta de Tratamento de Topas.
Alfonso Basterra recibiu a mesma condena que Rosario Porto (a súa exmuller e nai de Asunta), que se suicidou en 2020 no cárcere de Brieva (Ávila) despois de pasar sete anos en tres prisións: A Lama (Pontevedra), Teixeiro (A Coruña) e Brieva.
Nin Basterra nin Porto admitiron nunca ter asasinado a súa filla
A morte de Porto produciuse sen que ela admitise nunca a súa participación nin a de Alfonso Basterra no asasinato da menor, que foi atopada sen vida nunha pista forestal próxima a unha casa propiedade da muller.
Un xurado popular, por unanimidade, declarou a ambos os culpables da morte violenta da pequena despois de que as análises toxicolóxicas permitisen determinar que Asunta fora sedada con benzodiacepinas varios meses antes da súa morte.