Reducen de 10 a 4 anos e medio de prisión a condena a un monitor que agrediu sexualmente unha menor
A Audiencia de Pontevedra, en primeira instancia, condenáralle a 10 anos por un delito continuado de agresión sexual a unha nena de 6 anos
O TSXG rebaixa a pena ao entender que non quedou acreditada a penetración
Edificio da Audiencia de Pontevedra. TVG (Arquivo)
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) rebaixou de dez anos a só catro anos e medio de cárcere a condena imposta a un monitor dun campamento ecuestre de Pontevedra que agrediu sexualmente a unha menor de idade.
A Audiencia de Pontevedra, en primeira instancia, condenáralle a dez anos de prisión como autor dun delito continuado de agresión sexual á nena, de 6 anos de idade.
Tras o recurso presentado polo seu avogado, o TSXG matiza esa sentenza ao entender que non quedou acreditada a penetración nas devanditas agresións sexuais.
Os feitos remóntanse a xuño de 2023
O acusado encargábase de ensinar a nenos e nenas que acudían ao campamento para coidar dos cabalos da granxa e de organizar xogos para entreter aos menores.
O xuño de 2023 acudiu a nena de 6 anos de idade, á que o monitor colleu en brazos en diversas ocasións, e o tribunal considera probado que aproveitou para realizarlle tocamentos.
Aínda que a menor non sufriu danos psicolóxicos significativos, desenvolveu unha reacción de desconfianza cara ao seu coidado por terceiras persoas, sinala a sentenza.
Así, xunto coa pena de cárcere, o tribunal impúxolle cinco anos de liberdade vixiada, que comezarán contado cando saia de prisión.
O monitor non pode achegarse á vítima
Ademais, o monitor non poderá achegarse a menos de cen metros da vítima durante un período de dez anos, tras cumprir a condena, e estará inhabilitado para traballar con menores de idade durante os próximos dez anos.
O acusado tamén foi condenado a indemnizar con 5.000 euros á nai da vítima, como titora legal da vítima, e a pagar as custas procesuais.