Condenado un lucense por maltratar e agredir sexualmente a filla menor da súa parella
O home foi penado a nove anos e un mes de prisión, mais a resolución aínda non é firme
Fachada da Audiencia Provincial de Lugo (Europa Press)
A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo condena un home por delitos de agresión sexual, maltrato habitual e maltrato en ámbito familiar cometidos contra a filla menor da súa parella. A pena é de nove anos e un mes en prisión e a prohibición de acercarse e comunicarse coa vítima en oito anos, ademais dunha indemnización de 10.000 euros.
Segundo a sentenza, os feitos producíronse no tempo en que o agresor e a vítima convivían, período en que o home asumía tarefas de coidado da rapaza. Durante ese tempo, sometía a menor a distintas condutas de violencia física e, cando a nai non estaba, realizaba actos de carácter sexual.
O relato da menor foi esencial durante o transcurso do xuízo, pois a Audiencia o considera "compatible coa vivencia dos feitos denunciados". Apoiándose nela, considera acreditada a autoría dos delitos. Ademais, corroborouse o testemuño con declaracións de testemuñas e con material probatorio contra o acusado.
A resolución non é firme, xa que contra ela cabe interpoñer recurso ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.