Acepta unha condena de dous anos de cadea por agredir sexualemente outro home na Coruña
O condenado terá que pagarlle á vítima unha indemnización de 16.000 euros polos danos morais que lle causou
A sentenza foi declarada firme
"Coñecéronse no lugar de traballo do meu cliente e tras quedar a tomar unha serie de consumicións un día, o que defende o meu cliente é que dalgún xeito, o acusado someteuno quimicamente e aproveitou isto para agredilo sexualmente", explica Manuel Ferreiro, avogado da acusación particular.
Os feitos remóntanse a marzo de hai cinco anos. Daquela foi cando se coñeceron os dous homes. Segundo o escrito da fiscalía, o agora condenado solicitaba en cada ocasión que o atendese sempre o denunciante e insistíalle reiteradamente para quedar a tomar algo. Tras seis meses de negativas, a vítima acabou aceptando a invitación. Xuntos foron tomar unha cervexa, a cear e tamén a tomar unha copa pola zona de Panaderas. Nese intre foi cando a vítima comezou a atoparse mal, de xeito repentino, cunha forte dor de cabeza e falto de forzas e reflexos.
"As substancias que se empregan nestes casos non deixan rastro no sangue. A proba fundamental que tiñamos eran as gravacións das cámaras de seguridade dun aparcadoiro público, en que se vía ao meu cliente practicamente derrubado, o outro home levábao practicamente arrastrándoo", engade Ferreiro.
Finalmente foi condenado a dous anos de cárcere e ao pagamento dunha indemnización de 16.000 euros polos danos morais que lle causou a vítima.