Publicador de contidos

Publicador de contidos

O actor Russell Brand, condenado a 10 anos e seis meses por violación e agresión sexual

O actor Russell Brand, condenado a 10 anos e seis meses por violación e agresión sexual

Catro mulleres denunciárono por violación e agresións sexuais cometidas entre 2004 e 2009

Tayfun Salci/ZUMA Press Wire/dpa Tayfun Salci/ZUMA Press Wire/dpa
G24.gal 09/11/2026 16:49

O actor e humorista británico Russell Brand, de 51 anos, foi condenado este luns por un tribunal de Londres a 10 anos e 6 meses de cárcere por un delito de violación e tres de agresión sexual cometidos contra catro mulleres entre 2004 e 2009.

O xuíz Joel Bennathan, do tribunal de Southwark, ao sur de Londres, estableceu a condena despois de que o popular actor fose declarado culpable o pasado xoves dos catro delitos.

O maxistrado, que cualificou o humorista de "depredador sexual", destacou a "determinación e a coraxe" das vítimas que tiveron que facer fronte ao trauma polos delitos cometidos por Brand.

Tras coñecer a sentenza, Russell Brand, que levaba un crucifixo ao pescozo, mirou para a súa muller, Laura Gallacher, coa que ten tres fillos, e díxolle: "Quérote". Despois foi conducido ás dependencias internas do tribunal antes de ser trasladado a un cárcere onde terá que cumprir como mínimo 7 anos antes de poder acceder á liberdade condicional.

Gallacher estivo presente en case todas as sesións do xuízo ao seu marido e sempre defendeu a súa inocencia. Na súa quenda de intervención no estrado, recoñeceu que foi un home moi promiscuo —polo menos antes do seu matrimonio— e dixo que agora era "un pai atento, cariñoso e marabilloso", ademais "dun marido considerado e incrible".

Do total da condena, 10 anos corresponden á violación dunha muller, cometida no ano 2009.

O maxistrado recoñeceu no seu descargo os labores que Brand levara a cabo nos últimos anos para axudar persoas con distintos tipos de adiccións e tamén as dificultades ás que se enfronta agora a súa familia por ser pai de tres fillos.

Ao comunicar a sentenza, o xuíz non mencionou a identidade das vítimas e deixou claro que estas teñen dereito ao anonimato de por vida. De feito, os seus nomes non foron mencionados en todo o proceso.

Brand foi declarado culpable o xoves de violar analmente en 2009 unha admiradora de 21 anos á que coñeceu despois dun espectáculo no Hammersmith Apollo de Londres; de bicar e apalpar unha empregada de Capital Radio nun corredor da emisora en 2005; de tocar os peitos dunha traballadora de MTV durante unha festa nun bar do Soho en 2004, e de agredir sexualmente unha empregada de Channel 4 durante unha gravación en 2009, á que lle pediu unha masaxe.

O xurado absolveuno, en cambio, doutros dous cargos de violación e dun de intento de agresión indecente, ao non considerar probados os delitos.

Tras a sentenza, o detective Andy Furphy, da Policía Metropolitana de Londres (Met, en inglés), sinalou nun comunicado que a condena "marca un fito importante na nosa investigación e significa que Russell Brand respondeu polos seus delitos".

Unha condena que pode animar outras denunciantes

"Os meus pensamentos —dixo Furphy— están coas mulleres que deron un paso adiante e fixeron posible esta investigación. Denunciar delitos sexuais pode resultar sumamente difícil; elas demostraron unha valentía, unha dignidade e unha resiliencia inmensas ao longo do que foi unha investigación prolongada e un proceso xudicial complexo".

Destacou que as vítimas tiveron que lembrar unha vez máis unhas "experiencias profundamente traumáticas" e soportar unha grande atención por parte do público e dos medios de comunicación.

"A súa valentía ao dar un paso adiante non só conduciu a este desenlace, senón que tamén pode dar confianza a outras persoas que sufriron violencia sexual para que busquen axuda e denuncien o que lles ocorreu", puntualizou.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade