Publicador de contidos

Publicador de contidos

O profesor detido por agresión sexual a menores ía ser xulgado por outro caso similar

O profesor detido por agresión sexual a menores ía ser xulgado por outro caso similar

Ao docente impútanselle tres delitos de agresión sexual completa, outros tres de agresión sexual e os delitos de prostitución infantil, pornografía infantil e ciberengano pederasta, derivados das gravacións das agresións aos alumnos

As agresións aos menores produciríanse tanto na contorna do centro educativo como fóra do mesmo, no que o arrestado xa non traballaba

G24.gal 21/10/2026 12:34

O profesor de secundaria detido onte en Madrid acusado de agredir sexualmente nove alumnos tiña un xuízo pendente por outra agresión sexual a un menor de idade en 2024 que tamén estudaba no mesmo centro ca o resto de vítimas, explicaron a EFE fontes próximas á investigación.

Ao docente, en prisión provisional sen fianza no centro penintenciario de Soto del Real desde o pasado día 16 de outubro, impútanselle tres delitos de agresión sexual completa, outros tres de agresión sexual e os delitos de prostitución infantil, pornografía infantil e ciberengano pederasta, derivados das gravacións das agresións aos alumnos.

Todas as agresións coñecidas ocorreron na contorna deste centro educativo, entre os anos 2019 e 2024. Antes de que aflorasen estes casos, a Policía xa detivo o mesmo profesor por unha agresión sexual cometida no ano 2024 a outro alumno, pero foi posto en liberdade con medidas cautelares á espera de xuízo. Tras esta detención en 2024, o profesor pediu a baixa voluntaria do centro.

Pola detención, o profesor tiña antecedentes policiais, pero non penais, o que lle permitiu seguir exercendo a docencia, agregan as fontes.

Adestrador de porteiros do Atlético de Madrid

En paralelo, o profesor exerceu como adestrador de porteiros nas categorías inferiores do Atlético de Madrid durante máis de quince anos, segundo figura no seu perfil público de Linkedin.

Na entrada e rexistro no seu domicilio, os axentes da Policía Nacional interviñeron unha gran cantidade de material incriminatorio, entre teléfonos, axendas e unha videoconsola, que está pendente de ser envorcado e analizado, o que require o seu tempo.

As agresións aos menores produciríanse tanto na contorna do centro educativo como fóra do mesmo, no que o arrestado xa non traballaba. A Unidade de Familia e Atención á Muller (UFAM) da Xefatura Superior de Policía de Madrid asumiu a investigación destes feitos ao coñecer, a través de comentarios expostos por parte dos alumnos aos seus actuais profesores, as condutas que tería un docente que xa non traballaba no centro educativo.

Polo momento, a Policía logrou identificar nove vítimas, de entre 12 e 15 anos de idade, aos que se tomou xa declaración, e identificar a outras coas que se están realizando diferentes xestións.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade