Publicador de contidos

Publicador de contidos

Persecución policial entre Redondela e Vigo a gran velocidade e con moito risco

Persecución policial entre Redondela e Vigo a gran velocidade e con moito risco

Un home fuxiu dun control policial e percorreu uns sete quilómetros por camiños e estradas nacionais sen control

Golpeou o coche patrulla dúas veces, feriu dous policías e rebentou o seu propio coche antes de parar

G24.gal 09/11/2026 14:33

Déronlle o alto nun control rutineiro e fixo amago de parar, pero, en contra do previsto:

"Acelerou e os compañeiros tiveron que botarse fóra do alcance dese vehículo", relata José Edelmiro Pampín, xefe Policía Local de Redondela.

Empezaba así unha fuxida con percorrido propio de Scalextric, que os propios axentes son incapaces de reproducir.

"Por camiños, por avenidas, entre seis e sete quilómetros, durante vinte minutos", engade o xefe da policía.

Saíu de Redondela, entrou en Vigo e outra vez volta para atrás. 

"Co conseguinte risco porque non respectou semáforos en vermello, circulou en contra sentido, con coches de fronte", lamenta Pampín. 

Nesa tolemia, foise da vía varias veces, pero, cando crían que o tiñan acurralado, outra vez a correr.

"Unha vez que colide contra unha varanda de protección en Teis, os compañeiros tentan interceptarlle a saída pero cando un dos compañeiros vai baixar do vehículo, arranca outra vez de súpeto co risco que houbo para o compañeiro e golpea a porta e a aleta do coche", sinala diante do coche policial.

Golpe no coche patrulla e dous policías feridos. Aínda así, non se detivo. Seguiu ata que o seu propio coche non deu para máis. 

"El bate un par de veces contra valados e varandas de protección e perde unha roda", continúa Pampín.

Fixo un último intento de marchar a pé pero aí detivérono. O condutor, un veciño de Chapela de mediana idade, tiña antecedentes, pero nada parecido a isto. 

"Alegou que consumira drogas e deu positivo", confirma o xefe da Policía Local.

Foi peor o remedio que a enfermidade: por evitar o positivo en drogas, acabou arrestado por condución temeraria, atentado contra a autoridade e danos.

Pasara algo parecido hai apenas unhas semanas, na mesma zona.

"Pasou un coche por Chapela abaixo coa policía detrás e preto da estación, o home tirouse do vehículo en marcha e botou a correr cara á estación", explica un veciño. 

Pasa máis do que parece e compensa menos do que se pensa.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade