Persecución policial para recuperar unha moto roubada: "A 180-190 km/h"
Trinta quilómetros a gran velocidade por estradas nacionais, camiños de aldea e pistas
Os ladróns abandonaron a moto "para volver por ela" e fuxiron monte a través
Roubárona no Milladoiro, en Ames, e sabían o que levaban.
"Unha moto boa, unha Husqvarna 901, de 900 centímetros cúbicos, valorada en 16.000 euros. É unha moto de trail, mixta para monte e estrada", describe Marcos Rodríguez, un dos policías locais da Pobra que participou na persecución.
Tamén sabían o que facían.
"Ían preparados con roupa de moto, sabían o que facían e pilotaban moi ben. Eran bos pilotos. Nós o que pensamos é que é un roubo á carta, xente especializada que se dedica a roubar vehículos concretos", engade o policía local.
Do Milladoiro cara o Barbanza, sen contar coa sorpresa que os esperaba a medio camiño.
"Coordinámonos a Garda Civil e a nosa patrulla para bloquealos na saída norte da Pobra pero custounos moito traballo porque circulaban a velocidades de 180-190 quilómetros por hora", recoñece Rodríguez.
Á altura da Pobra comezaba unha persecución de película. Máis de trinta quilómetros, a gran velocidade. Por nacionais con tráfico, por camiños de aldea e por pistas de monte imposibles. O propio coche da policía acabou cos baixos tocados.
"Había moito tráfico, eles non respectaban ningunha norma de circulación, metéronse por pistas do monte, o sinal da moto era moi débil, a patrulla da Garda Civil foi por unha zona, nós por outra, por zonas escarpadas que non coñeciamos. Foi unha gran tensión e moitos quilómetros para acabar no monte".
En Bustelo, un lugar do Porto do Son, sen casas nin miradas alleas, cansaron.
"Como iamos moi preto e viron que persistiamos e que non eran capaces de abandonar o vehículo, decidiron abandonar o vehículo. Penso que tiñan pensado volver a recuperala porque senón tirarían con ela. Non provocaron ningún dano", celebra Marcos Rodríguez.
Buscan dous profesionais, ben equipados, bos pilotos, pero aos que lles escapou un detalle clave.
"Levaba un dispositivo GPS, soen ir ocultos, non se perciben, son pequeniños, pero é moi raro que non o sacaran. Igual non se deron conta que o tiñan", aclara o axente.
Sensación agridoce por recuperar a moto en bo estado pero non coller os delincuentes. Con todo, cren que a investigación está bastante avanzada.