Publicador de contidos

Publicador de contidos

Galicia terá un rexistro de condenados por violencia dixital que limitará o acceso ao emprego público

Galicia terá un rexistro de condenados por violencia dixital que limitará o acceso ao emprego público

A lei contra a violencia dixital restrinxirá aos condenados por estes delitos optar a un posto da administración en que traballen con nenos e maiores 

A conselleira de Igualdade confía en que a lei, que entrará a semana que vén no Parlamento, sexa aprobada co máximo consenso: "A violencia de xénero e o machismo hai que combatelo, independentemente das diferenzas ideolóxicas"

A conselleira de Igualdade, Ánxeles Vázquez, este mércores nunha entrevista no 'Bos días'
G24.gal 25/11/2026 11:02

Galicia converterase na primeira autonomía en contar cunha lei contra a violencia dixital, que tentará acabar co acoso que sofren as mulleres e nenas a través de Internet. A norma conta cun servizo gratuíto para eliminar a pegada dixital e tamén cun rexistro de persoas condenadas por exercer este tipo de violencia, que condicionará o acceso a calquera posto da Administración onde se traballe con maiores ou nenos.

A conselleira de Igualdade, Ánxeles Vázquez, confía en que a lei, que entrará a semana que vén no Parlamento, saia adiante co máximo consenso. "A violencia de xénero e o machismo hai que combatelo, independentemente das diferenzas ideolóxicas", asegurou nunha entrevista no Bos días. "Agardo que a semana que vén no Parlamento vaiamos todos a unha, e saia con todo o consenso".

Un rexistro de condenados por violencia dixital para tentar erradicar o acoso nas redes

A lei contra a violencia dixital que, previsiblemente, entrará a semana que vén no Parlamento, pretende poñer freo a estas novas formas de violencia que se estenden a través de Internet e das redes sociais. Por primeira vez, "teremos unha armazón con especialistas" para combater estas novas formas de violencia, explica a conselleira. Segundo dixo, o 80 % das mulleres e nenas foron vítimas nalgunha ocasión deste tipo de prácticas que se sustentan a través das novas tecnoloxías e a intelixencia artificial.

A norma perseguirá calquera acción concreta ou reiterada que se desenvolva a través das plataformas dixitais e das distintas redes sociais e que "atente contra a dignidade das persoas".

Inclúe un servizo gratuíto para eliminar a pegada dixital con asesoramento especializado e un rexistro de condenados por violencia dixital. Segundo explicou Ánxeles Vázquez, figurar neste rexistro "vainos condicionar á hora de optar a un posto de traballo na Administración"; xa que non poderán acceder a el se nese posto teñen que traballar con nenos ou maiores.​

Coincidindo con este 25N, a conselleira de Igualdade insiste na necesidade de que as mulleres vítimas da violencia machista denuncien, que acudan a calquera dos 80 Centros de Información á Muller (CIM) distribuídos por 200 concellos galegos ou a calquera das catro unidades móbiles que operan nos campos universitarios.

Vázquez lembra que existe unha rede de sete casas de acollida distribuídas por todo o país onde poden resgardarse as vítimas da violencia machista, ás que se sumará unha específica en Santiago para tratar as vítimas de violencia que presenten problemas de adiccións. 

Trátase, en definitiva, de apoialas e de vencer o silencio que impide, en moitos casos, a estas mulleres desenmascarar os seus agresores e animalas a denunciar.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade