Detido en Ourense un fuxido reclamado por Portugal por agredir sexualmente unha menor
O detido, que xa tiña unha condena de máis de sete anos de prisión ditada polas autoridades lusas, ingresou en prisión
Policía Nacional
Axentes da Policía Nacional de Ourense detiveron un fuxido reclamado por Portugal que fora condenado por agredir sexualmente unha menor.
Segundo detallou a Policía nunha nota de prensa, a Brigada de Policía Xudicial recibiu unha comunicación sobre a posible presenza na provincia de Ourense dun individuo sobre o que pesaba unha orde de procura, detención e entrega de carácter internacional por agredir sexualmente no ano 2021 unha nena menor de idade e familiar do detido.
Deste xeito, os investigadores comezaron as súas pescudas, que deron como resultado, o pasado 20 de novembro, a localización e detención do fuxido nunha localidade da provincia de Ourense onde residía.
Practicadas todas as dilixencias, o detido, sobre o que constaba unha condena de máis de sete anos de prisión ditada polas autoridades lusas, foi posto a disposición da Audiencia Nacional, a través da Sección de Instrución do Tribunal de Instancia en funcións de garda de Ourense, que decretou o seu inmediato ingreso en prisión.