A ampliación dos permisos por falecemento entra en vigor este xoves
A semana adicional por nacemento de fillos poderá solicitarse desde marzo
Arquivo/Europa Press
Este xoves entra en vigor a ampliación do permiso por falecemento de familiar en primeiro grao. Serán de ata dez días laborables, como acordou este martes o Consello de Ministros.
Ademais, amplíase nunha semana o permiso por nacemento e coidado de fillos, ata as vinte semanas. Unha medida que poderá solicitarse as partir do 1 de marzo de 2027, segundo recolle o decreto lei publicado este mércores no Boletín Oficial do Estado (BOE).
En total, o Goberno acorda outorgar 20 semanas de permiso para cada proxenitor por nacemento, que se amplían ata as 34 semanas no caso de familias monoparentais.
No caso do permiso por dó en caso de falecemento, amplíase ata os dez días laborables para cónxuxe, fillos, parella de feito ou parentes de primeiro grao de consanguinidade, dentro das catro semanas posteriores ao falecemento.
Tamén amplía a tres días laborables, cinco no caso de desprazamento, o permiso en caso de falecemento de parentes de primeiro grao de afinidade e segundo grao de afinidade e consanguinidade (irmáns, avós, netos, sogros, xenros, noras ou cuñados, entre outros).
Este xoves entrarán ademais en vigor os novos dereitos de adaptación ou redución de xornada para coidar familiares que requiran coidados paliativos, así como o permiso dun día para acompañar unha persoa durante a prestación de axuda para morrer (eutanasia), sempre que designase o traballador para iso.
As medidas, aprobadas no último Consello de Ministros antes das eleccións xerais, deberán someterse á convalidación da Deputación Permanente do Congreso o xoves da próxima semana.
