Radiografía da violencia machista: 47 asasinatos, 2.222 denuncias e 6.331 casos activos en Galicia
No que levamos de ano 47 mullleres foron asasinadas en España a mans da súas parellas ou exparellas, unha delas en Galicia
Durante o segundo trimestre de 2026 rexistráronse 2.222 denuncias por violencia machista na comunidade, un 8,3 % máis que no mesmo período do ano anterior
O Ministerio de Igualdade alerta sobre a proliferación de casos de violencia dixital que afectan a 8 de cada 10 mozas de entre 18 e 26 anos
A día de hoxe permanecen activos 6.331 casos de violencia machista en Galicia, segundo datos do ministerio do Interior. Son mulleres que figuran no sistema VioXen a día 31 de outubro; de todos eles, 909 casos están considerados casos de especial relevancia, ao presentar factores que elevan o risco de que se produzan episodios de violencia moi grave ou mortal.
A provincia da Coruña concentra a meirande parte dos expedientes activos: 2.791. Na de Pontevedra aparecen contabilizados 2.059; outros 930 en Lugo e 555 en Ourense.
A violencia machista tamén afecta directamente os menores. En Galicia hai 2.868 casos nos que as mulleres vítimas teñen menores ao seu cargo. Deles, 125 presentan situacións de risco para os propios nenos e nenas.
Durante o segundo trimestre de 2026 rexistráronse 2.222 denuncias por violencia machista na comunidade, un 8,3 % máis que no mesmo período do ano anterior, segundo as estatísticas do Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPX). En total solicitáronse 413 ordes de protección, un 9,6 % menos que en 2025 e do total de sentenzas emitidas, un 93 % foron condenatorias.
É a radiografía dunha violencia de xénero que en Galicia cobrou este 2026 unha vida; a de María Belén Fernández. Tiña 52 años, vivía en Mos e foi asasinada pola súa parella o pasado 1 de febreiro.
Como ela, outras 46 mulleres foron vítimas este ano da violencia machista en España. Desde que comezaron a elaborarse estatísticas en 2003 un total de 75 mulleres foron asasinadas na nosa comunidade, segundo datos do Ministerio de Igualdade. 75 vidas rotas como consecuencia dunha violencia de xénero que está adoptando novas formas e que está tendo un forte impacto no ámbito dixital.
O ciberacoso, a extorsión e o control dixital, a difusión de imaxes íntimas sen consentimento, a suplantación de identidade, a utilización perversa da IA...
Segundo o Ministerio de Igualdade, ata un 80 % das mozas de entre 16 e 24 anos sufriron algún tipo de acoso nas redes sociais e no 70 % das denuncias interpostas por violencia dixital as vítimas son nenas e mulleres. Novas formas de violencia que cómpre erradicar e que volven situarse no foco neste 25N, Día Mundial contra a Violencia Machista.