25-N en Galicia, mobilizacións contra a violencia machista e a desigualdade
As manifestacións son unitarias en todas as cidades agás en Vigo, onde hai dúas marchas convocadas
Manifestación en Vigo en 2025. Europa Press-Arquivo
Este 25-N, o Día Internacional de Eliminación da Violencia contra a Muller, volven as mobilizacións para clamar contra a violencia machista e a desigualdade que afecta as mulleres, nunha xornada na que institucións, administracións e asociacións convocaron tamén numerosos actos.
Así, en Santiago de Compostela, está convocada unha manifestación unitaria contra a violencia machista, que partirá da praza 8 de Marzo ás 20:00 horas baixo o lema "Contra as violencias machistas, loita transfeminista".
Segundo explicaron as convocantes, esta protesta pretende poñer o foco sobre as violencias machistas, pero tamén sobre outras problemáticas como a crise da vivenda, "que afecta especialmente as persoas disidentes, empobrecidas, en situación de rúa e migrantes".
Caso contrario é o da cidade de Vigo, onde o feminismo sairá dividido. Así, a Marcha Mundial das Mulleres e Resposta Feminista manifestaranse ás 19:00 horas no cruzamento de Vía Norte baixo o lema "Vidas libres de violencia machista" mentres que a Rede de Mulleres contra os Malos Tratos convocou no mesmo lugar unha hora despois, ás 20:00 horas.
A tónica xeral, con todo, será a unidade do movemento. Na Coruña, a protesta está convocada ás 19:00 horas no Obelisco; en Ferrol, ás 20:00 horas no Cantón, en Lugo, ás 20:00 horas, ante o edificio Multiusos da Xunta, en Ourense ás 20:00 horas ante a Subdelegación e en Pontevedra ás 19:30 horas na Peregrina. Os actos de protesta repetiranse tamén noutras localidades.
A maiores, UXT convocou concentracións de protesta en favor das políticas contra a violencia machista e reclamando ámbitos laborais libres desta praga. Serán ás 12:00 horas en Santiago, A Coruña, Vigo, Pontevedra e Lugo. En Ourense, a concentración será ás 11:00 horas.
Actos de institucións, asociacións e administracións
Pero amais das concentracións e actos de protesta, o 25-N estará cargado de actos reivindicativos a nivel municipal e social, así como dentro das institucións académicas.
En Santiago, a praza do Obradoiro acollerá este mércores unha nova activación do Canto das Cecilias, o proxecto artístico de carácter colectivo impulsado pola cineasta e videoartista chilena Cecilia Barriga que procura converter as voces das mulleres "nun clamor común contra as violencias machistas".
Tamén no Obradoiro, ás 13:15 horas, a USC pon en escena a performance Non chove(u) igual para todas, unha iniciativa que busca "transmitir e reflexionar sobre a gravidade da violencia machista, os seus efectos e a necesidade de redes de apoio e do feminismo".
O acto central da Universidade da Coruña polo 25-N terá lugar ás 11:00 horas no salón de actos da Facultade de Informática. Durante a sesión darase lectura ao manifesto, seguido da intervención da Oficina para a Igualdade de Xénero baixo o título Cantas son demasiadas? Feminicidios: cifras e discursos. O programa completarase coa entrega dos premios Ángeles Alvariño, aos mellores traballos académicos con perspectiva de xénero e María Balteira, dirixidos a creacións artísticas.
En Lugo, a Praza de San Marcos será o escenario, a partir das 13:00 horas, dunha xornada reivindicativa que abrirá a deputada de Muller e Igualdade da Deputación de Lugo, Marisol Morandeira, coa lectura da declaración institucional, e na que o alumnado do Centro de Formación Audiovisual da institución provincial protagonizará unha intervención colectiva sobre unha pancarta con palabras que representan distintas manifestacións da violencia machista.