Rescatan unha vintena de persoas que estiveron máis de 16 horas secuestradas nun supermercado en Colombia
Rescatan unha vintena de persoas que estiveron máis de 16 horas secuestradas nun supermercado en Colombia
Un membro da banda criminal morreu durante a operación
A banda refuxiouse no interior do establecemento tras fracasar no seu intento de asaltar un vehículo blindado de transporte de efectivo
Reuters
A primeiras horas deste mércores, as autoridades colombianas rescataron con éxito, con vida, un grupo de persoas que permaneceran retidas como reféns durante máis de 16 horas por criminais no interior dun supermercado en Cartaxena de Indias. Un membro da banda criminal resultou morto durante a operación.
"Á 1:30 da madrugada, desde Cartaxena, quero informar a opinión pública de que, grazas a unha extraordinaria operación conxunta entre a Policía Nacional e as Forzas Militares, todas as persoas que permanecían retidas aquí, no [supermercado] Éxito, foron rescatadas", declarou o presidente colombiano, Abelardo de la Espriella, nun vídeo publicado en X.
¡Que viva nuestra Fuerza Pública! ¡Que viva Colombia! ¡Que viva Cristo Rey! ¡Firme por la Patria! (A.D.L.E) 🇨🇴 🐅 https://t.co/1aPBlfuGqI
— Abelardo De La Espriella (@ABDELAESPRIELLA) November 25, 2026
O presidente cualificou a operación de "absolutamente impecable". A orde de levala a cabo deuse pouco despois da súa chegada a Cartaxena, a última hora da tarde deste martes, tras pasar a mañá en Villavicencio (no centro do país) avaliando as consecuencias dun ataque ocorrido o día anterior, que deixou 23 persoas feridas.
"Un dos delincuentes foi neutralizado. Déuselles a oportunidade de se renderen e liberaren os reféns, pero rexeitárona; polo tanto, actuamos con determinación... Calquera que intente poñer de xeonllos o Estado, o goberno e a cidadanía traballadora enfrontarase a unha resposta letal por parte desta administración", engadiu o presidente, en referencia ao rescate de, polo menos, 20 persoas que permanecían retidas.
O suceso —un feito con poucos precedentes na historia recente de Colombia— conmocionou a cidade caribeña. Comezou arredor das 8:00 da mañá do martes (15:00 hora galega), cando un grupo de criminais se refuxiou no interior do establecemento tras fracasar no seu intento de asaltar un vehículo blindado de transporte de efectivo.
A tensión arredor do local aumentou durante a noite a medida que se incrementaba a presenza policial na zona e as autoridades —mediante o uso de altofalantes— instaban os secuestradores a liberaren os reféns e se renderen.
Cartaxena de Indias é un dos principais destinos turísticos de Colombia e de América Latina, grazas á súa infraestrutura hoteleira, centros de convencións, conectividade aérea e oferta cultural. Arredor de 5,5 millóns de viaxeiros visitan a cidade cada ano.
Roubo frustrado
Segundo a reconstrución dos feitos realizada polas autoridades, un grupo de individuos encapuchados —que portaban o que parecían ser armas longas— entrou nun centro comercial coa intención de asaltar un vehículo blindado de transporte de fondos.
Grazas ás cámaras de seguridade, o equipo de vixilancia do centro comercial detectou os delincuentes e activou os botóns do pánico: unha alarma silenciosa conectada directamente coa policía.
Isto permitiu que as primeiras patrullas policiais chegasen ao centro comercial pouco despois. Colllidos por sorpresa, os delincuentes refuxiáronse no interior dun supermercado do complexo e retiveron como reféns unhas trinta persoas, entre clientes e empregados.
Co paso das horas, unidades especializadas da policía e do exército chegaron ao centro comercial e situáronse arredor do perímetro; tamén se despregaron francotiradores nos tellados próximos.
Cara ao mediodía, os autores do secuestro liberaron cinco mulleres de idade avanzada e, ao longo da tarde, deixaron saír outras cinco persoas. Finalmente, xa de madrugada, o goberno puxo en marcha unha operación para rescatar os reféns que aínda permanecían en mans dos delincuentes.