Publicador de contidos

Publicador de contidos

Entrégase o condutor que fuxira tras ferir unha axente nunha persecución en Salceda hai 20 días

Entrégase o condutor que fuxira tras ferir unha axente nunha persecución en Salceda hai 20 días

Levaba máis de 20 días en paradoiro descoñecido, mentres as forzas de seguridade andaban na súa procura ​​​

Atribúenselle ata seis delitos: dous delitos contra a seguridade viaria, un de atentado a axente da autoridade, dous de lesións e un de danos ​​​​​

G24.gal 12/08/2026 18:32 Última actualización 12/08/2026 18:45

O condutor que fuxiu tras deixar ferida unha axente nunha persecución en Salceda de Caselas o pasado 23 de xullo entregouse este mércores no cuartel da Garda Civil do Porriño.

Foi sobre as 10:15 horas desa mañá cando o home, acompañado do seu avogado, se presentou nas instalacións da Garda Civil, unha vez era coñecedor de que os investigadores coñecían a súa identidade e andaban na súa procura. Todo iso despois de máis de 20 días en paradoiro descoñecido.

Ao home atribúenselle ata seis delitos: dous delitos contra a seguridade viaria, un de atentado a axente da autoridade, outros dous delitos de lesións e un de danos. Por todo iso, sobre as 12:00 horas foi posto á disposición xudicial do Xulgado número 3 do Porriño, en funcións de garda, que o deixou en liberdade pendente de volver ser citado.

Os feitos ocorreron sobre as 14:00 horas do 23 de xullo, cando o condutor fuxiu en Salceda tras provocar un accidente durante unha persecución en que resultou ferida unha policía local do municipio pontevedrés.

Os axentes deron o alto a un vehículo que circulaba polo centro do pobo, ante o cal o condutor emprendeu a súa fuxida. Así se iniciou unha persecución desde a rúa Vigo ata o barrio de Maceira, en Parderrubias, pola estrada paralela á PO-510.

Durante a persecución produciuse un colisión despois de que o condutor fuxido detivese a marcha de forma repentina e iniciase unha manobra de marcha atrás, co que impactou contra o vehículo policial.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade