Vandalizada unha inmobiliaria de Santiago
Esta madrugada botáronlle ovos tinguidos de pintura sobre o escaparate
As inmobiliarias do país están na diana dos violentos que protestan polo problema da vivenda
"Esta mañá levantámonos cunha mensaxe dun compañeiro que chegou primeiro á oficina e a mensaxe foi 'Vandalizáronnos'", conta Carlos Segundo, director comercial de Reactiva Inmobiliaria.
Este é a sorpresa que levaron esta mañá os traballadores desta inmobiliaria de Santiago que nin de lonxe podían imaxinar estar na diana de actos violentos como os que se rexistraron noutros negocios similares noutras cidades españolas.
"Estanse equivocando de inimigo, de culpable. As inmobiliarias de barrio non somos os especuladores, non somos os que subimos os prezos. Que pensen que detrás dese comercio hai persoas cos mesmos problemas que poden ter eles, ou peor ou igual", reflexiona o traballador.
A pintura aínda fresca e os restos que quedaron na beirarrúa fan supoñer que os autores lanzaron ovos tinguidos sobre o escaparate. A denuncia xa está presentada, agora toca facer avaliación de danos.
"Quizais teñamos que cambiar o letreiro por esta graza".
O edificio tamén quedou afectado, para indignación dos propietarios.
"Fatal, non hai dereito a que fagan isto. A folga, pois si, todo o mundo ten dereito pero non pode afectar un edificio onde os xubilados, os traballadores temos que pagar as consecuencias, porque isto hai que pintalo e hai que desembolsar uns cartos", apunta a presidenta da comunidade de propietarios.