Queixas polos actos de vandalismo en Ribadeo
Proliferan as pintadas tanto nas pistas de 'skate' como nos edificios da contorna
As pintadas nas pistas de skate de Ribadeo, creadas esta mesma década, están a xerar queixas entre a veciñanza, incluídos os comerciantes. O vandalismo non se limita a este espazo público, senón que tamén lles afecta aos edificios da contorna.
"A nós non nos gusta, e estamos preocupados. Ao final, a imaxe que se proxecta de Ribadeo non é unha imaxe boa. Que haxa pintadas en espazos públicos, que se vandalicen sinais de tráfico ou turísticos non dá unha boa imaxe. Polo tanto, todo o que se xa previr estas accións delituosas ou este vandalismo é algo positivo", sinala Jesús Pérez, xerente da asociación de comerciantes ACISA Ribadeo.
A raíz destes actos vandálicos, dende o Concello anunciaron a instalación de novas cámaras de vixilancia, que se suman ás xa existentes no centro da vila. Ademais, dende a Policía Local tamén fan un chamamento ao civismo por parte da cidadanía.
"Para que colabore e saiba que hai que ter algo de civismo, porque todo este vandalismo que se pode ver, coma as pintadas, cústanos cartos a todos. A súa limpeza sae dos impostos de todos. Que a xente teña civismo e non estrague o mobiliario urbano nin as zonas comúns, posto que son un beneficio para a comunidade", indica Andrés Redondo, xefa da Policía Local de Ribadeo.
Aínda que se concentran nestas pistas deportivas, noutras zonas de Ribadeo, como Piñeira ou As Catedrais, tamén están a proliferar os actos vandálicos.