Publicador de contidos

Publicador de contidos

O acusado de matar un home cun pau en Ortigueira pide perdón na última xornada do xuízo

O acusado de matar un home cun pau en Ortigueira pide perdón na última xornada do xuízo

As partes elevan a definitivas as súas peticións iniciais e o xurado popular comeza a deliberar

G24.gal 05/11/2026 14:14

"O único que pido é perdón. Nunca foi a miña intención".

Deste xeito, tras facer uso o acusado do seu dereito á última palabra, remataba a xuízo. Porén tamén nesta xornada, as partes presentaron as súas conclusións finais. Con toda a proba enriba da mesa, a Fiscalía asegurou que a morte da vítima se debeu ao golpe que recibiu cun pau na parte dereita da cabeza.

"O golpe tivo que ser brutal. Dixérono os forenses. Os forenses non empregan a expresión "brutal", pero si usaron a enerxía, a potencia, a forza, porque senón non se causa ese dano. Hai que dar moi forte para estragar o cerebro", explicou o fiscal.

Cualifica os feitos como un delito de homicidio e pide para o acusado 11 anos de cadea.

"Non vemos ningunha atenuante: nin lexítima defensa, nin medo insuperable. E a reparación do dano e a confesión tampouco as vemos", engade o Ministerio Público. 

Con todo, para as acusacións particulares os feitos son constitutivos dun delito de asasinato e elevan a pena aos 25 anos de prisión.

"Os danos puideron provocarse pola caída? Aquí non hai discusión. Tanto o perito criminalístico como os médicos do Imelga, desbotárono", di o avogado que representa ao pai da vítima.

Pola súa banda, a defensa, pide que se teña en conta as dilacións indebidas, a confesión e a reparación do dano por parte do investigado. Solicita a libre absolución ou que sexa condenado a 9 meses de cárcere por un delito de lesións en concurso con homicidio imprudente. 

"Que é lexítimo baixar do coche, parar e volver? Si, é lexítimo. Pero é buscar problemas. Ao mellor os que ía buscar el. Ou os que terminou atopando que lle causaron a el. Neste caso, o falecemento. Pero é provocar esa situación de tensión onde practicamente todo é posible", alegou a defensa.

Estaba previsto que, contra as dúas e cuarto, os membros do xurado popular recibisen o obxecto do veredicto para comezar a deliberar.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade