Publicador de contidos

Publicador de contidos

Condenan a once anos de cadea o autor do crime do polígono de Rábade

Condenan a once anos de cadea o autor do crime do polígono de Rábade

O homicida confeso sentou no banco dos acusados da Audiencia Provincial de Lugo
Félix Aragunde 02/11/2026 13:38

Case tres anos despois do crime do polígono de Rábade, o autor confeso saíu da prisión provisional para sentar no banco dos acusados da Audiencia Provincial de Lugo. Tras unha conformidade entre as partes, o homicida volveu recoñecer que na Noitevella de 2023 matara un coñecido seu ao asestarlle na cabeza múltiples machadazos na nave abandonada onde residía. O cadáver da vítima, de 39 anos, foi localizado dez días despois nun sumidoiro do parque empresarial desta localidade da comarca lucense.

"Atoparon o cadáver o día 9, e o día 10 produciuse a detención e fíxose un rexistro da nave. Xa participou ese mesmo día contando todo o ocorrido e logo fíxose unha reconstrución dos feitos, na que tamén participou. En todo momento colaborou coa Xustiza, o que serviu para reducir a pena", destaca Eva Blanco, avogada da defensa. 

Polo delito de homicidio, o autor dos feitos foi condenado a once anos de cadea. Concorreu a atenuante de embriaguez, tras beber unha botella de whisky. E, para rebaixarlle a pena, tamén se tivo en conta que este toxicómano confesara a autoría do crime. 

"Houbo unha conformidade. Xa se debateu coa defensa, coa outra acusación particular e co ministerio fiscal con anterioridade e chegamos a este acordo, que nos pareceu o xusto. Outra cousa non se podía aprobar e quedou así", explica Isabel Cancela, avogada dunha das acusacións. 

"Iniciamos as negociacións con bastante antelación, e por iso se presentou un escrito conxunto de todas as partes. Foi valorado todo, os feitos e sobre todo as atenuantes que había que aplicar neste caso. Había un evidente estado de embriaguez que diminuíra as capacidades cognitivas e intelectivas do acusado, de Joaquim Pereira", sinala a letrada defensora. 

O homicida tamén foi condenado a indemnizar a familia da vítima con máis de 87.000 euros. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade